A Deputación da Coruña “radiografía” as infraestruturas locais da provincia

A Deputación da Coruña “radiografía” as infraestruturas locais da provincia na nova actualización da EIELO

 

O presidente da Deputación presentou aos alcaldes da provincia a Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais, desenvolvida en colaboración coa UDC, que contén 4,5 millóns de datos sobre os equipamentos municipais

26/06/2018|Deputación da Coruña

Un total de 293 quilómetros de estradas discorren polo termo municipal de Arteixo, 55 deles de titularidade provincial, en Culleredo hai 14.310 vivendas, das que 2.859 non están ocupadas, Sada conta con 25 zonas verdes e 17 parques infantís, a rede de abastecemento de auga de Oleiros mide 273,13 quilómetros, o sistema de alumeado público de Cambre está conformado por 1.589 puntos de luz. Son algúns exemplos dos datos que xa están dispoñibles a través da web da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL).

Esta ferramenta, impulsada pola Deputación da Coruña en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC), vén de ser actualizada constituíndo o repertorio máis completo das infraestruturas e servizos locais dos municipios coruñeses.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

As novidades desta nova versión da enquisa foron presentadas hoxe polo presidente provincial, Valentín González Formoso, nun acto que contou tamén coa asistencia do profesor da UDC Carlos Nárdiz e dos técnicos do servizo provincial de Asistencia aos Concellos, Francisco Freire e Pedro González.

Valentín González Formoso definiu a EIEL coma unha “completa radiografía dos equipamentos dos concellos coruñeses” e destacou a súa “utilidade para o deseño das políticas e a planificación de obras e investimentos tanto dos concellos como da propia Deputación”.

Máis de 4,5 millóns de datos

Formoso anunciou que a sétima actualización da enquisa acaba de ser completada este verán e catalogar un extenso inventario de máis de 4,5 millóns de datos.

O presidente provincial recoñeceu que se trata dunha ferramenta aínda moi descoñecida, a pesar de que a Deputación coruñesa foi pioneira na súa posta en marcha no ano 1986. Ao longo destas tres décadas, a enquisa veuse actualizando periodicamente con novos datos e mellorando diversas ferramentas informáticas para xestionar e mellorar as funcionalidades e aplicacións prácticas desta base de datos.

Formoso sinalou que a EIEL ten un especial interese para os alcaldes, posto que pon a disposición dos servizos municipais unha inxente base de datos que “describe ao milímetro todo o territorio provincial”.

Ademais, estas innovacións permitiron facer accesible toda a información a calquera cidadán a través da web EIEL. Cun simple clic, multitude de datos coma os equipamentos culturais, deportivos, sanitarios e de ocio de cada municipio, a rede viaria, a subministración eléctrica, a recollida de residuos e plantas de tratamento, o abastecemento e saneamento de auga, as plantas de potabilización ou as depuradoras, entre outros elementos, son accesibles ás administración públicas e a calquera cidadán interesado.

No apartado técnico, os encargados de explicar aos alcaldes as novidades da actualización da EIEL foron Carlos Nárdiz, profesor de Urbanismo da UDC, así coma os responsables do servizo de Atención aos Concellos da Deputación, Francisco Freire e Pedro González.

Os responsables do desenvolvemento da EIEL expuxeron varios exemplos prácticos de datos recollidos na enquisa, como as distintas cualificacións do solo e plans urbanísticos de cada núcleo, así como os sistemas de saneamento e abastecemento de auga, que inclúen un importante volume de información como os tipos de captación, os puntos de bombeo, lonxitude e diámetro da rede e anos de execución das obras.

A Deputación da Coruña, pioneira en facilitar o acceso público aos datos

Os responsables técnicos da UDC explicaron a complexidade da elaboración da EIEL debido á importante dispersión xeográfica e subliñaron que a Deputación da Coruña foi a primeira de España en adaptar esta inxente base de datos a un sistema XIS de información xeográfica, que fai máis fácil e intuitivo o acceso á información, permitindo visualizar cada dato nun mapa. Asemade, destacaron que a Deputación da Coruña tamén estivo entre as primeiras institucións públicas en abrir unha web con datos cartográficos para o uso público.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Entre os retos de futuro da enquisa, Deputación e UDC proxectan agora a mellora da súa utilidade para os municipios, para a institución provincial e para a cidadanía en xeral, implantando novas funcionalidades que permitan realizar análises intermunicipais que comparen infraestruturas entre varios concellos, así como a adaptación da web EIEL para a súa consulta a través de dispositivos móbiles, un dos principais modos de acceso a Internet na actualidade.

Deixa unha resposta