A porcentaxe de fogares galegos con internet sitúase no 84% e supera a media estatal por primeira vez

A porcentaxe de fogares galegos con internet sitúase no 84% e supera a media estatal por primeira vez

O uso de Internet incrementouse preto de 12 puntos nos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes nos dous últimos anos

24/07/2018|Amtega

O 84,1% dos fogares galegos contan con Internet, 5,4 puntos porcentuais máis que ao ano anterior. Este incremento sitúa a Galicia, por primeira vez, por riba da media estatal e reduce a menos dun punto a diferencia coa media europea. Así se desprende dos resultados do “Diagnóstico sobre a Sociedade da Información nos fogares galegos”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Amtega.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Segundo o informe, o crecemento da contratación de internet no período 2014 – 2017 foi dun 20%. Cómpre destacar tamén a evolución da calidade de conexión á Internet, cun crecemento de máis do 13% na contratación de servizos de máis de 30Mpbs de velocidade.

Ademais, no último ano rexistrouse un crecemento destacado en indicadores chave para a evolución da sociedade da información en Galicia, como unha maior contratación en concellos de menos de 5.000 habitantes, e o incremento no uso de internet entre os maiores de 55 anos.

Usos de Internet

Respecto á a utilización de Internet, a porcentaxe de usuarios de Internet nos últimos tres meses incrementouse en Galicia 4,4 puntos nun ano e sitúase no 78,4%. Entre os galegos que utilizaron Internet nos últimos tres meses, un 83% fano a diario e un 14,1% todas as semanas.

O uso de Internet continúa a incrementarse en todos os tipos de hábitat analizados, estando especialmente estendido nos concellos de máis de 50.000 habitantes, onde supera amplamente a media galega e acada unha porcentaxe do 85,5%, por riba da media estatal e europea. Non obstante, cabe salientar, especialmente, o incremento de 11,9 puntos porcentuais no uso de Internet nos concellos galegos de menos de 5.000 entre 2015 e 2017.

As compras a través da Rede continúan en ascenso, acadando ao 31,8% da poboación galega que adquiriu algún ben ou servizo a través de Internet nos tres últimos meses e aumentando 3 puntos porcentuais no último ano.

Galicia volve ser líder no uso dos servizos da administración electrónica respecto aos ámbitos nacional e europeo, de xeito que o 67,4% dos galegos que utilizaron Internet no último ano buscaron información de trámites administrativos a través de Internet, e o 66,1% ten utilizado as posibilidades da administración electrónica para enviar formularios cubertos.

Efecto das variables socioeconómicas sobre os indicadores TIC

A idade do usuario, o nivel de ingresos do fogar ou a convivencia con nenos con idades entre os 3 e os 16 anos, son as variables que afectan de maneira máis directa aos distintos indicadores TIC analizados.

Practicamente a totalidade de mozos galegos menores de 35 anos conectáronse a Internet nos últimos tres meses, dato que incluso supera a porcentaxe estatal. Cómpre destacar o significativo aumento no uso de internet no colectivo de persoas de 55 a 64 anos de idade, un 15% respecto ao último ano e máis dun 42% desde 2014. O 63,7% dos galegos deste tramo de idade empregan internet.

Ademais, o estudo indica que estudantes, ocupados e con nivel formativo superior á etapa secundaria son os colectivos que máis empregaron a rede nos últimos tres meses.
A estrutura do fogar é outro dos factores que inciden na evolución das TIC. Así, a contratación de Internet é superior nos fogares que contan con nenos en idade escolar obrigatoria sitúase no 97,5% superando á media autonómica en 13,4 puntos porcentuais.
Outro dos indicadores determinantes na análise dos indicadores TIC é o volume total de ingresos do fogar, de modo que a medida que estes aumentan, a porcentaxe de calquera dos indicadores analizados tamén se incrementa gradualmente.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal

Deixa unha resposta