A subdelegación do goberno en Pontevedra e UPTA Galicia estreitarán a colaboración para a atención aos inmigrantes

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Pontevedra, 15 de xullo de 2010.
O subdelegado do goberno en Pontevedra, Delfín Fernández, e o secretario xeral da Unión de Profesionais e Autónomos de Galicia, Lisardo Domínguez, decidiron nunha reunión estreitar a colaboración entre ambas entidades para atender as necesidades das persoas inmigrantes que queren emprender un negocio. Na xuntanza participaron tamén Luis Pérez Álvarez, responsable de Traballo na Subdelegación de Pontevedra, e Juan Muradas, xefe de Estranxeiría.
UPTA, a través dun acordo a nivel estatal co Ministerio de Traballo e Inmigración, emite informes de validación nos que acredita o cumprimento dos requisitos legais que se esixe ás persoas estranxeiras para darse de alta no Réxime Especial de Autónomos. Nos informes, UPTA certifica, entre outras cousas, a viabilidade económica da iniciativa empresarial e a formación ou capacitación da persoa para exercer a actividade. As conclusións son incorporadas aos expedientes de residencia temporal e traballo por conta propia.
Lisardo Domínguez e Delfín Fernández coincidiron na necesidade de que exista un traballo “rigoroso” á hora de emitir estes informes e destacaron a importancia de que o traballador estranxeiro estea arroupado por un servizo gratuíto e de calidade. “Comprobamos que a poboación inmigrante en Galicia é un sector activo, de xente nova que pode dinamizar a economía”, afirma o secretario xeral de UPTA Galicia.
Dada a importancia do colectivo, e as circunstancias especiais que moitas veces frean o seu carácter emprendedor, Delfín Fernández considerou fundamental “ofrecer asesoramento e información e reducir os custes da posta en marcha dun negocio”. Fernández cre ademais que o servizo que ofrece UPTA aos inmigrantes redunda no seu benestar e na transparencia da súa actividade xa que facilita que quen queira normalizar a súa situación teña medios para facelo.
Por isto, o subdelegado considera que o convenio das organizacións de autónomos como UPTA co Ministerio de Traballo e Inmigración ten unha gran utilidade xa que se está beneficiando a todas as partes: “os inmigrantes reciben a atención, as administracións contamos cun servizo de calidade colaborando con nós e as organizacións de autónomos teñen un instrumento máis para acadar os seus obxectivos”.
Lisardo Domínguez comunicoulle ao subdelegado a próxima apertura dunha oficina de UPTA en Vigo que complemente a atención que ata o momento se ofrece aos autónomos da provincia tanto na sede de UPTA en Vilagarcía como a través dos locais que UXT cede á organización mediante convenio.
Xornadas nas principais vilas da provincia
Finalmente, o secretario xeral de UPTA Galicia agradeceu ao subdelegado a boa disposición para emprender proxectos en colaboración. Explicoulle que entre as próximas actuacións da organización en Pontevedra está unha serie de xornadas informativas en todas as comarcas pontevedresas para explicar aos autónomos temas do seu interese como subvencións e axudas, acceso a financiamento a través dos créditos ICO Directo, medidas de promoción do autoemprego e novidades lexislativas no marco do Estatuto do Traballo Autónomo como a prestación por cese de actividade.
Neste sentido, Delfín Fernández considerou que é esencial que esta información chegue a todos os emprendedores, independentemente do entorno no que vivan. Sobre a situación económica e a súa incidencia no traballo autónomo, o subdelegado afirmou que Pontevedra, a pesar de ser unha provincia “moi exposta á crise, é tamén máis dinámica” para a recuperación, algo no que ten moito que ver “o carácter emprendedor”. “Fomentando o autoemprego facemos posible que quen perde un traballo por conta allea teña a opción recuperalo por conta propia”, finalizou.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Deixa unha resposta