A Xunta garante o compromiso cun sistema universitario moderno

O titular do Goberno galego inaugurou esta tarde o Encontro da Conferencia Española de Decanos de Economía e Empresa

Feijóo garante o compromiso cun sistema universitario moderno, conectado coa sociedade e preparado para dar resposta aos retos da industria que vén
Refírese, a modo de exemplo, á mellora do mapa de titulacións con 14 novos títulos ata 2021 ou á creación do Consorcio Interuniversitario de Galicia, que axunta o traballo das tras universidades galegas

Incide na importancia do binomio universidade-empresa para identificar e dar resposta aos novos perfiles profesionais que demanda a industria

Sostén que a planificación, a responsabilidade e a previsión permitiu que Galicia peche o primeiro trimestre de 2018 como a administración que paga con máis axilidade os seus provedores; e seguir baixando os impostos

Salienta que, nos tres primeiros meses de 2018, Galicia é a segunda autonomía con maior superávit comercial e creceu un 3,1%, por riba da media estatal (2,9%)

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o compromiso cun sistema universitario moderno, conectado coa sociedade e preparado para dar resposta aos retos da industria que vén. E, con este fin referiuse, a modo de exemplo, á mellora do mapa de titulacións con 14 novos títulos ata 2021, entre os que cabe destacar o Grao de Emprendemento, que se porá en marcha o vindeiro ano; aos prezos públicos de matrícula máis accesibles do Estado; e á creación do Consorcio Interuniversitario de Galicia, que axunta o traballo das tras universidades galegas.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Durante a apertura do Encontro da Conferencia Española de decanos de Economía e Empresa (Confede), Feijóo incidiu na importancia do binomio universidade-empresa para identificar e dar resposta aos novos perfiles profesionais que demanda a industria; e para que o traballo de investigación que se realiza no ámbito académico estea enfocado cara ao mercado e se converta en novas empresas e patentes.

“Con esta finalidade elaboramos o Plan Galicia Innova 2020 e cada unha das iniciativas de apoio á formación no ámbito da empresa, dirixidas a axudar aos traballadores en activo a facer esa transición cara á nova industria”, abundou, subliñando que contar con profesionais cualificados e con talento para innovar é a mellor materia prima que, neste momento, debe buscar a industria e o tecido empresarial.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta aseverou que a economía do século XXI é unha economía global, tecnolóxica, conectada, que está atravesando a cuarta revolución industrial; “e isto esixe unha decidida aposta pola innovación porque, para competir, xa non basta con producir, hai que seducir”, dixo, referíndose ademais ao reto de idear novos produtos ou servizos, e de facelo de forma permanente pero, tamén, máis rápido que o resto dos competidores.

Así mesmo, expuxo que a planificación, a responsabilidade e a previsión fai posible que Galicia sexa hoxe a única Comunidade que ten a certeza cada ano de que vai poder aprobar os seus orzamentos. E permitiu pechar o primeiro trimestre de 2018 como a administración que paga con máis axilidade os seus provedores; seguir baixando os impostos; e considerar á alza as revisións económicas.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

“E Galicia é hoxe protagonista do mellor ciclo exportador da súa historia, superando a barreira dos 21.000 millóns de euros e con máis de 6.7000 empresas galegas que saíron ao exterior en 2017”, afirmou, subliñando ademais que, nos tres primeiros meses de 2018, Galicia é a segunda autonomía con maior superávit comercial e creceu un 3,1%, por riba da media estatal (2,9%), encadeando 10 trimestres consecutivos cun crecemento do PIB igual ou superior ao 3%.

Deixa unha resposta