A Xunta inviste 1,2 millóns de euros nas obras de mellora da Ponte da Barca

A Xunta inviste 1,2 millóns de euros nas obras de mellora da Ponte da Barca, que rematarán a finais de ano
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, visitaron hoxe as obras que xa se están executando

A Xunta está a investir 1,2 millóns de euros nas obras de mellora da Ponte da Barca, que rematarán a finais deste ano e que dotarán á infraestruturas dun aspecto renovada e de melloras funcionais. Estes traballos, ademais, incrementarán a vida útil da ponte e contribuirán a súa posta en valor.

Así o explicaron hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, tras a súa visita aos traballos que xa se están executando na Ponte. Ao acto tamén asistiron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e os alcaldes de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e Poio, Luciano Sobral.

As actuacións na Ponte da Barca acométense despois da inspección en profundidade realizada sobre a estrutura, no marco da supervisión continua e permanente das obras de paso de titularidade autonómica que realiza o Goberno galego. Así, os traballos en marcha suporán, dun lado a mellora e conservación da propia ponte para incrementar a súa vida útil e, doutro, a renovación da marquesiña que protexe as beirarrúas, para o que se está a construír a nova estrutura de madeira, cun tratamento protector especialmente deseñado para evitar a acumulación da auga e con cuberta de aluminio para evitar un rápido deterioro e garantir a maior resistencia.

Os traballos de conservación e renovación da marquesiña veranse completados coa instalación de nova iluminación, con proxectores led en ponte e estrada, de maior eficiencia enerxética, e que permitirán poñer en valor a Ponte da Barca, ao mellorar a súa estética e resaltar a estrutura.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Actualmente, estase a desmontar a marquesiña, cuxos traballos se iniciaron a semana pasada, e ao tempo se está a montar a andamiaxe no arco da ponte, comezando pola beira de Pontevedra, unha montaxe que durará arredor de dúas semanas. Os traballos avanzan segundo a planificación establecida e cumprindo o compromiso de non afectar ao tráfico rodado ao programarse as actuacións que puntualmente poidan producir afeccións en horario nocturno.

A Xunta tamén está a traballar noutras actuacións nas que o departamento para a mellora da seguridade viaria en Pontevedra como, por exemplo, a senda Covelo-Raxó, cuxas obras se iniciarán de forma inminente, e a Variante de Alba. Con respecto a variante, trátase dunha actuación prioritaria para o Goberno galego, como ben coñece o concello, e que precisa do necesario o acordo do Ministerio de Fomento, tendo xa a Xunta asinado o contrato para a redacción do proxecto.

Máis de 200 millóns de euros
Todos estes traballos forman parte do compromiso que a Xunta mantén coa cidade de Pontevedra e que se materializa nun investimento de máis de 200 millóns tendo en conta todos os proxectos en marcha ou planificados.

Neste conxunto de obras, inclúense proxectos como o do Gran Montecelo, a estación intermodal coa reforma da estación de autobuses, o novo edificio xudicial ou a reforma do edificio de Benito Corbal.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

A primeira destas obras en estar finalizada será, precisamente, a da Ponte da Barca, pero posteriormente rematarán, o ano que vén, o novo edificio de Benito Corbal ou o novo edificio xudicial.