CCOO advirte de que a mellora do paro rexistrado non pode cimentarse nun emprego cada vez máis precario

luns 4 de xuño de 2018

CCOO advirte de que a mellora do paro rexistrado non pode cimentarse nun emprego cada vez máis precario

  • No último mes asináronse, de media, once contratos para cada nova alta no mercado de traballo: 96.189 contratos para 8675 afiliacións á seguridade social

Comisións Obreiras (CCOO) advirte de que a mellora dos datos do paro rexistrado non pode cimentarse mes a mes en postos de traballo «cada vez máis precarios». A secretaria de Emprego do sindicato, Maica Bouza, coida particularmente «escandalosas» as cifras da contratación temporal, pois no último mes asináronse, de media, once contratos para cada afiliación á seguridade social: 96.189 contratos para 8675 persoas.

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

Maica Bouza, secretaria de Emprego de CCOO

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

A sindicalista insta a Xunta a tomar medidas e «non fialo todo ao sector dos servizos», xa que iso significa «alimentar unha burbulla que estourará ao remate da campaña do verán», advirte. «Precisamos un modelo modelo produtivo que aposte pola industria e por sectores de actividade innovadores, de alto valor engadido», enfatiza Bouza.

A secretaria de Emprego de CCOO tamén amosa a preocupación do sindicato pola cativa calidade dos postos de traballo creados, «con poucos dereitos asociados». Isto ten o seu correlato tanto nas cada vez menores prestacións sociais actuais como nas pensións futuras, que serán moi baixas como consecuencia da intermitente vida laboral e os baixos salarios.

A precariedade laboral, os baixos salarios e as baixas cotizacións tamén se fan notar na caixa da seguridade social. A pasada semana, CCOO publicou a segunda Radiografía trimestral do mercado laboral galego. Neste documento, o sindicato constata que a afiliación media á seguridade social aumentou un 6 % entre os anos 2014 e 2017. Porén, nese mesmo período, a recadación neta reduciuse un 12 %, pois pasou de 4737 millóns de euros a finais de decembro de 2014 a 4153 millóns tres anos despois.

Análise do paro rexistrado

O paro rexistrado baixou no mes de maio, como adoita acontecer nesta época do ano: 5595 persoas paradas menos inscritas nas oficinas do servizo público de emprego ca no mes anterior (–3,07 %) e 22.942 menos ca no mesmo mes do ano pasado (–11,49 %).

Así pois, ao remate de maio había 176.696 persoas desempregadas inscritas nas oficinas do servizo público de emprego: 101.617 mulleres (representan o 57,51 % do desemprego) e 75.079 homes. Dese total, 8505 persoas tiñan menos de 25 anos e supuñan o 4,81 % do paro rexistrado.

O paro rexistrado baixa máis nos homes ca nas mulleres, tanto na comparación mensual (2994 parados menos fronte a 2601 paradas menos) coma na anual (12.921 parados menos fronte a 10.021 paradas menos). De feito, os descensos máis acusados danse nos sectores con máis presenza de homes, como a construción e a industria.

Por grandes grupos de idade, a maior baixada do paro dáse entre as persoas menores de 25 anos. Con respecto ao mes de abril constan como paradas nas oficinas do servizo público de emprego 596 menores de 25 anos menos (–6,55 %) e 4999 menos maiores desa idade (–2,89 %). Con respecto ao mes de maio de 2017, son 1417 menos menores de 25 anos (–14,28 %) e 21.525 menos maiores desa idade (–11,35 %).

O paro rexistrado baixou en todos os sectores. En comparanza con abril hai 912 persoas paradas menos na construción (−5,39 %), 879 na industria (–4,25 %), 261 na agricultura (–3,91 %), 3275 nos servizos (−2,68 %) e 268 no colectivo sen emprego anterior (−1,69 %). En termos anuais, o descenso do paro atangue tamén a todos, pero máis a construción (−21,76 %) e a industria (–14,37 %).

Análise da contratación

No mes de maio rexistráronse 87.953 contratos temporais dun total de 96.189, o que implica que o 91,44 % da contratación foi eventual. En relación co mes de abril, subiu máis a temporal (+19,46 %) ca a indefinida (+0,23 %). No mes de maio rexistráronse 14.345 contratos máis ca no mes de abril e, deses, 14.326 foron temporais e só 19 indefinidos.

En termos anuais, subiu máis en proporción a contratación indefinida (+22,2 %) ca a temporal (+8,78 %). Non obstante, o número de contratos indefinidos segue sendo moi baixo: en maio rexistráronse 8.236 contratos indefinidos (8,56 % da contratación total).

Afiliación á seguridade social

A afiliación media á seguridade social segue medrando máis devagar en Galicia que na media estatal, tanto na comparación mensual coma na anual. No mes de maio había 8675 afiliacións máis ca no de abril, o que supón un incremento do 0,88 % (a porcentaxe na media estatal era do 1,27 %) e 26.786 máis ca no mes de maio de 2017, que equivale a unha suba do 2,76 % (no Estado sobe ata o 3,11 %).

No último mes, a afiliación sobe no réxime xeral (que inclúe o réxime agrario e do fogar) en 8675 afiliacións e no de autónomos en 343, mentres que baixa en 343 no do mar. En termos anuais, a afiliación sobe no réxime xeral (+28.259), mentres que baixa no de autónomos (–1454) e no do mar (–19).

Prestacións por desemprego

No mes de abril, en Galicia, só o 52,82 % das persoas paradas con experiencia laboral perciben prestacións por desemprego. En total, hai unhas 78.500 persoas paradas con experiencia laboral que xa carecen de cobertura por desemprego.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

No dito mes, 87.892 persoas cobraban unha prestación por desemprego e a repartición por modalidades era a seguinte: 39.147 percibían un subsidio por desemprego (o 44,54 % do total das prestacións), 37.531 contributivas (o 42,7 % do total), 8992 a renda activa de inserción (o 10,23 % do total) e 2222 correspondían ao programa de activación de emprego (o 2,53 % do total).

Deixa unha resposta