Comunicado da comisión promotora da ILP pola coparentalidade

Comunicado da AGPNS e da Comisión Promotora da ILP pola Coparentalidade.

Sobre a tramitación no Parlamento de Galicia da Proposición de lei (ILP).

A Comisión do Dereito Civil de Galicia vén de emitir un informe negativo sobre a capacidade lexislativa nesta materia que tería Galicia. Este informe fora solicitado a petición dos grupos do Parlamento Galego.
A raíz deste informe, os distintos grupos políticos veñen de solicitar o cese da tramitación da lei por falta de competencias de Galicia nesta materia.

Ante o sinalado, dende a comisión promotora e a AGPNS queremos manifestar:
1º O informe emitido pola comisión, que non é vinculante para o Parlamento, foi o resultado de un mes de deliberacións e recolle un voto maioritario negativo pero tamén un voto minoritario positivo sobre a posible competencia de Galicia na materia da ILP.

2º Queremos amosar a nosa preocupación cando os grupos políticos piden a supresión total da ILP sen acompañar xustificacións nas súas emendas nin propoñendo alternativas.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Esta decisión non atende as necesidades das familias galegas.
3º O Parlamento de Galicia recoñeceu a necesidade de lexislar sobre o contido da ILP. Por iso reclamamos que agora faga o esforzo para ver como e que podería facerse aquí en Galicia (igual que se fixo en Cataluña, Pais Vasco, Valencia, Aragón ou Navarra). O Congreso dos Deputados ten as súas responsabilidades pero estas non escusan ao Parlamento Galego de exercer tamén as súas en combinación coas competencias estatais (que se demora en lexislar a prol da
corresponsabilidade parental e non está tendo en conta a xurisprudencia do Tribunal Supremo que establece que a custodia compartida debe ser o réxime preferente en interese do menor).

Polo tanto, solicitamos aos grupos políticos:
• Aprazar a decisión sobre a tramitación da lei para que se amplíe o estudo sobre a
posibilidade que Galicia ten de lexislar neste tema e nas súas problemáticas asociadas (o
País Vasco tramitou tamén unha ILP e levoulles 4 anos de traballo).
• Atender con prontitude as necesidades de formación especializada en cuestións de familia dos operadores xurídicos, a ampliación e dotación dos xulgados de familia, a introdución da
figura do Coordi nador de Parentalidade, a promoción efectiva da mediación familiar e a mellora profesional dos equipos psicosociais do IMELGA.

En Galicia contamos cunha Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia; unha Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia; unha Lei 4/2001, de 31 de maio, reguladora da mediación familiar; unha Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero; unha Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. Son bos exemplos do traballo que o Parlamento de Galicia pode ofrecer á nosa Comunidade.

Nestes intres, por toda medida para favorecer a Corresponsabilidade Parental non podemos aceptar que unha forza política no Parlamento de Galicia propoña unicamente a
supresión do actual proxecto de lei sen ofrecer alternativas. Esperamos sensibilidade, unha
resposta e ofrecemos a nosa colaboración.

Os promotores da iniciativa defendida no Parlamento de Galicia en nome dos milleiros de
galegas e galegos que a secundaron coa súa sinatura, e de todas as familias afectadas por esta problemática, reclamamos dos nosos parlamentarios que promovan unha iniciativa que ofreza medidas e recursos para favorecer a Corresponsabilidade Parental cando se produce unha
separación dos proxenitores.

 

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

En Santiago a 26 de xuño de 2018.

Deixa unha resposta