Copa do mundo de fútbol 2026 en Canadá, Estados Unidos e México

A Copa Mundial da FIFA de 2026 celebrarase en Canadá, Estados Unidos e México

De Wikinoticias

Moscú, Rusia. Este mércores, 13 de xuño, durante o 68.º Congreso da FIFA que se celebraba en Moscova decidiuse que as sedes do Mundial de 2026 serán Canadá, Estados Unidos e México. Trátase da primeira vez na que unha fase final da Copa do Mundo celebrarase en tres países distintos. A única vez que se celebrou en máis dun país foi durante a Copa Mundial de Fútbol de 2002 que tivo lugar en Corea do Sur e Xapón.

A candidatura conxunta norteamericana recibiu 134 votos dos 200 que foron emitidos (o 67 %), a candidatura marroquí obtivo 65 votos (o 32,5 %) e a Federación de Fútbol de Irán votou por non elixir ningunha das dúas sedes (o 0,5 %). A Asociación de Fútbol de Cuba, a Asociación de Fútbol de Eslovenia e a Real Federación Española de Fútbol abstivéronse na votación.

O Mundial de 2026 será o primeiro no que 48 seleccións participen na fase final, en lugar de 32 como viña facendo desde a edición de 1998. Isto fai que cambien o número de prazas para cada confederación. A Unión de Asociacións Europeas de Fútbol (UEFA) pasa de 13 a 16 cotas, a Confederación Africana de Fútbol (CAF) de 5 a 9, a Confederación Asiática de Fútbol (AFC) de 4 a 8, a Confederación Suramericana de Fútbol (Conmebol) de 4 a 6, a Confederación de Norteamérica, Centroamérica e o Caribe de Fútbol (Concacaf) de 3 a 6 e a Confederación de Fútbol de Oceanía (OFC) pasa a ter unha praza asegurada cando antes se decidía nunha eliminatoria contra unha selección doutra confederación. As dúas prazas restantes sairán dun minitorneo de repesca que enfrontará a unha selección de cada confederación excepto da UEFA e da Concacaf por ser os anfitrións. Os gañadores das semifinais do minitorneo clasificaranse para a fase final do Mundial. O Consello da FIFA ten que decidir aínda cal do tres países onde se celebrará o Mundial obtén a clasificación directa por ser anfitrión.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

O torneo pasará a ter 80 partidos, 16 máis que en edicións anteriores, pero seguirá tendo a mesma duración, 32 días. En lugar dos 8 grupos de 4 seleccións actuais, o torneo terá 16 grupos de 3 seleccións cada un e dos que as dúas primeiras pasarán aos dezaseisavos de final.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

O seguinte Congreso da FIFA celebrarase o 5 de xuño de 2019 en París, dous días antes do primeiro partido da Copa Mundial Feminina de Fútbol de 2019 que se disputará en Francia.

Deixa unha resposta