Galicia é a terceira comunidade con maior incremento de fondos para emprego

Conde destaca que Galicia é a terceira comunidade que vai rexistrar un maior incremento de fondos para políticas de emprego

Salienta que Galicia, grazas ao seu grao de cumprimento das políticas activas en materia laboral, vai recibir un total de 170 millóns de euros dos fondos de emprego dos Orzamentos Xerais do Estado, que supoñen un 8,7% máis que o pasado ano

illóns de euros máis cos que Galicia duplica a media das comunidades autónomas no reparto de fondos e, deles, 5,7 millóns son os que van destinados a impulsar a formación

Asegura que esta contía vai permitir á Xunta proseguir coa súa política de formación para o emprego

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Subliña que no conxunto de España, Galicia está a tomar a dianteira no relativo á formación, con programas que están a ser pioneiros ao incentivar a cualificación á medida das necesidades das empresas

Destaca que en 2017 se rexistrou a cifra máis alta de contratos temporais convertidos a indefinidos desde 2008, unha tendencia positiva que se mantén no primeiro semestre do ano

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe que Galicia vai recibir un total de 170 millóns de euros dos fondos de emprego dos Orzamentos Xerais do Estado, que supoñen un 8,7% máis que o pasado ano e que a converten na terceira comunidade que rexistra un maior incremento.

 

Segundo precisou, son 13,3 millóns de euros máis cos que Galicia, grazas ao seu grao de cumprimento das políticas activas de emprego, duplica a media das comunidades autónomas no reparto de fondos, que é do 3,2%. E, deles, 5,7 millóns son os que van destinados a impulsar a formación de persoas desempregadas e ocupadas.

 

Estes fondos adicionais, dixo, “van permitir chegar a máis desempregados e a máis ocupados para dar resposta ás necesidades que ten o tecido produtivo en formación, e vinculadas aos novos perfís profesionais cada vez máis exixentes, sobre todo, polo impacto das novas tecnoloxías”, abondou.

 

Nesta liña, destacou que, no conxunto de España, Galicia está a tomar a dianteira no relativo á cualificación para o emprego, con programas que están a ser pioneiros ao incentivar a formación á medida das necesidades das empresas.

 

Ao respecto, mencionou as Unidades Formativas, cun orzamento de 9,5 millóns de euros, para ofrecer formación á carta para máis de 5.000 profesionais en activo ou desempregados; así como os obradoiros duais de emprego, con preto de 30 millóns de euros de presuposto para máis de 2.350 desempregados, que combinan un contrato de formación e aprendizaxe cun posterior contrato laboral. Tamén citou os programas de formación á porta, con 4,3 millóns de euros, que están a levar por 27 concellos rurais máis de 30 cursos de formación para case 500 menores de 30 anos. E, na mesma liña, referiuse aos programas sectoriais en ámbitos estratéxicos como a automoción ou o naval.

 

Máis galegos contratados e con contrato estable

Conde sinalou que todos son exemplo da aposta do Goberno galego por mellorar a empregabilidade e a cualificación dos traballadores e traballadoras galegas a través da formación e contando coa implicación das propias empresas, tendo en conta a influencia que as tecnoloxías están a ter na industria.

 

Neste contexto, o conselleiro salientou que Galicia comeza a ver os primeiros froitos desta aposta polo emprego estable e de calidade porque neste momento supera o millón de afiliacións tras máis de 4 anos de incrementos consecutivos. Son, dixo, máis galegos e galegas contratados e máis galegos e galegas con contrato estable.

 

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

De feito, resaltou que en 2017 os contratos temporais convertidos a indefinidos superan a cifra máis alta desde o 2008. E no primeiro semestre deste ano convertéronse en indefinidos 20.654 contratos, 114 ao día; o que supón un 19% máis con respecto ao período de 2017.

Deixa unha resposta