Galicia recibirá máis de 22 millóns de euros de fondos estatais para loitar contra a pobreza

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou hoxe en Madrid na reunión do Consello Territorial de Servizos Sociais e Dependencia

Galicia recibirá máis de 22 millóns de euros de fondos estatais para loitar contra a pobreza e para axudas a entidades sociais

Rey Varela manifestouse “relativamente satisfeito” co reparto de fondos, pero insistiu na necesidade de avanzar nuns criterios de distribución obxectivos, que teñan en conta aspectos como a maior esperanza de vida e a dispersión da poboación

 O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou hoxe en Madrid na reunión extraordinaria do Consello Territorial de Servizos Sociais e Dependencia para o reparto de fondos estatais destinados a programas sociais de protección da familia, de loita contra a pobreza infantil e plan concertado; e para axudas a entidades sociais a través do Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF). No caso de Galicia a achega estatal ascenderá a un total 22,2 millóns de euros, dous máis que o exercicio pasado.

Despois da xuntanza, Rey Varela manifestouse “relativamente satisfeito” cos resultados da mesma e que o incremento das aportacións do Estado “é un punto positivo”, ao tempo que engadiu que “cómpre seguir traballando para avanzar nuns criterios de distribución que atendan características como a maior esperanza de vida e a dispersión da poboación que teñen comunidades como a nosa e que fan necesaria unha maior aportación por parte do Estado”. A modo de exemplo puxo o Plan Concertado, que permite mellorar os servizos sociais básicos e de proximidade dos concello, ao que Galicia destina 12 millóns de euros dos que soamente 3 son aportados polo Estado. “O esforzo que está facendo Galicia é moi superior ás transferencias económicas que recibe do Estado”, apuntou.

Ademais, o conselleiro insistiu na necesidade de “fixar uns criterios máis homoxéneos e pactados coas Comunidades Autónomas na distribución dos fondos sociais e que se teña en conta non soamente a taxa Arope senón tamén aspectos poboacionais”. Ademais, advertiu do reducido que é o prazo que teñen as comunidades autónomas para a xestión e reparto dos fondos asignados entre as entidades que operan en cada territorio, así como de que este ano non se suplementaron fondos ás comunidades para levar a cabo a xestión destas partidas.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO
PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Por último, Rey Varela manifestou que “hai un compromiso de traballar nesta liña de avanzar en criterios obxectivos na distribución do IRPF e de demais fondos sociais, tendo en conta que as comunidades autónomas levamos anos incrementando os presupostos destinados a políticas sociais a pesar das dificultades económicas dos últimos tempos”.

Deixa unha resposta