O Chicle, autor confeso da morte de Diana Quer, admitiu que “a estrangulou pero involuntariamente”

O avogado dos pais de Diana Quer, Ricardo Pérez Lama, comunicou que José Enrique Abuín Gey, O Chicle, autor confeso da morte de Diana Quer, admitiu hoxe ante o xuíz matar á nova madrileña ao soster que “a estrangulou pero involuntariamente”.

José Enrique Abuín Gey, trasladado desde o cárcere da Lama (Pontevedra) onde permanece en prisión preventiva, chegou ás dependencias xudiciais de Ribeira (A Coruña) poucos minutos antes das doce da mañá.

Alí o titular do Xulgado número 1 trasladoulle, do mesmo xeito que ao resto das partes, que será xulgado por un xurado popular polos delitos de homicidio ou asasinato, detención ilegal e contra liberdade sexual pola desaparición e morte de Diana Quer.

O pasado 1 de xaneiro este mesmo xulgado decretou o ingreso en prisión do Chicle despois de que, un día antes, el mesmo conducise á Garda Civil á nave de Asados (Rianxo) onde se atopaba oculto o corpo da desaparecida.

O Chicle declarou por primeira vez ante o xuíz e, segundo o letrado da acusación particular, deu unha “declaración absolutamente contraditoria” á sostida ante a Garda Civil na que referira un atropelo. “Pasamos dunha mentira á outra mentira, nada máis”, reiterou o avogado.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Ademais, durante a súa declaración, segundo este avogado, negou a implicación dunha terceira persoa no crime, “exonerou totalmente” a calquera outra persoa na participación dos feitos que “asume (el) só”, apuntou Pérez Lama.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Doutra banda, o avogado demandou a práctica de novas dilixencias durante a instrución, entre elas, unha reconstrución dos feitos, algo “fundamental”, dixo. Tamén demandou ante o xuíz “unha recreación virtual” que sexa achegada por parte da Garda Civil para coñecer os movementos do acusado o día de autos.

Deixa unha resposta