O deporte galego contará coa Comisión Galega de Control da Violencia para erradicar as condutas antideportivas

O deporte galego contará coa Comisión Galega de Control da Violencia para erradicar as condutas antideportivas en competicións oficiais no eido autonómico, provincial, local e zonal

Feijóo explicou que esta nova comisión poderá actuar de oficio ante incidentes violentos, complementando así a función do Comité Galego de Xustiza Deportiva

A Comisión galega de control da violencia estará presidida pola secretaria xeral para o Deporte e contará cunha vicepresidencia e con 15 vogalías

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación no Consello da Xunta do decreto de creación da Comisión galega de control da violencia para erradicar as condutas antideportivas en competicións oficiais no eido autonómico, provincial, local e zonal.

Logo de precisar que este ente é unha das previsións que incorpora a Lei de deporte de Galicia, polo que co seu nacemento dáse continuidade ao desenvolvemento dun texto legal que potencia e promove o deporte e os valores deportivos, Feijóo precisou que, coa creación deste ente, compleméntase a actuación do Comité Galego de Xustiza Deportiva, xa que mentres este comité só actúa ante incidentes violentos cando se produza unha denuncia, en forma de recurso, a nova comisión poderá actuar de oficio, non só cando se revisen as decisións das correspondentes federacións.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Este órgano estará presidido pola secretaria xeral para o Deporte e contará cunha vicepresidencia e con 15 vogalías, que incorporarán senllos representantes autonómicos das áreas de emerxencias e educación, os xefes de servizo de Deportes en cada xefatura territorial, dous colexiados ou xuíces deportivos, dous representantes das Federacións (unha da que teña máis licencias e outra proposta polas federacións), dous deportistas ou exdeportistas federados; dous expertos en prevención da violencia do deporte, designados polas facultades galegas do ramo, e un representante do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, ademais dun secretario, que será un funcionario autonómico.

E as súas funcións serán as seguintes: instruír e resolver expedientes sancionadores cando se cometan infraccións recollidas na Lei do deporte de Galicia; solicitar que o Comité Galego de Xustiza Deportiva ou as autoridades pertinentes incoen expedientes sancionadores; elaborar informes sobre as causas e efectos da violencia no deporte; publicar unha memoria anual sobre a materia; elaborar e difundir programas de prevención e loita contra a violencia no deporte; asesorar ás entidades deportivas galegas ou aos organizadores de eventos deportivos sobre como previr a violencia; informar sobre anteproxectos de lei ou outras normas referentes á área deportiva; aconsellar ás entidades deportivas galegas para que inclúan un réxime disciplinario contra a violencia deportiva; cooperar coa Comisión Estatal contra a violencia; e trasladar á Fiscalía aquelas actuacións que puidesen constituír un delito.

O presidente da Xunta subliñou que a Comisión Galega de Control da Violencia estará plenamente operativa antes do verán, co obxectivo de que comece a funcionar na tempada deportiva 2018/19.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Deste xeito, o Goberno galego cumpre cunha obriga normativa e dótase dun órgano específico para promover, salientou o titular da Xunta, as boas prácticas no deporte e a prevención da violencia. “É un interese dos máis 5.500 clubes que contan con preto de 300.000 deportistas federados, e tamén é interese de todos os galegos que practican deporte”, finalizou.