O Goberno galego e a administración local colaborarán na prevención de incendios

O Goberno galego e a administración local colaborarán na prevención de incendios a través da creación dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias dos montes

O presidente da Xunta avanza un convenio de colaboración coa empresa pública Seaga e coa Fegamp no que a Administración autonómica investirá 28 millóns de euros ata 2021

|Xunta de Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou onte, logo da reunión do Consello da Xunta, a autorización dun convenio entre a Consellería de Medio Rural, a empresa pública Seaga e a Fegamp para afondar na prevención dos incendios forestais. Así, o Goberno galego investirá 28 millóns de euros ata 2021 en base a este acordo, a través do cal se creará, por primeira vez, un sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias dos montes.

Segundo detallou o titular do Goberno galego, a este procedemento de actuación nas franxas próximas aos núcleos de poboación poderá adherirse calquera concello. Neste senso, iranse atendendo as peticións de xestión conforme a criterios de prioridade en función do risco de lumes e do perigo para as persoas e bens. Os traballos enfocaranse tanto nos terreos abandonados como nos dos particulares que se adhiran a un contrato tipo de xestión de biomasa.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

O triplo compromiso da Xunta na limpeza dos montes

Feijóo lembrou a vontade de colaboración da Xunta na limpeza dos montes desde o principio e que se materializou nun triplo compromiso pola súa banda: económico, de xestión da biomasa e técnico.

No relativo ao compromiso económico, o Goberno galego investirá 5,7 millóns de euros no que queda de 2018 e 7,5 millóns nos exercicios de 2019, 2020 e 2021, ata sumar 28 millóns. O dito investimento irase aplicando nos lugares prioritarios en colaboración con eses concellos, que cofinanciarán as actuacións previstas: poderán facer achegas mediante a creación dun fondo específico dentro do Fondo de Cooperación Local.

No caso de concellos que non poidan beneficiarse das achegas por non responder aos criterios de prioridade fixados, poderán voluntariamente adherirse ao convenio achegando o 100% do financiamento preciso para as actuacións de xestión da biomasa.

No que respecta aos particulares que formalicen un contrato para que a limpeza dos montes se faga no seo deste sistema, aboarán unha tarifa por hectárea de 350 euros de media, beneficiándose así de vantaxes como a asunción polas administracións públicas dos maiores custes dos traballos.

Pola súa banda, o compromiso de facer efectiva a xestión da biomasa farase efectivo a través dos técnicos de Seaga. Así, diante dunha faixa situada nun concello adherido ao sistema, se hai un propietario coñecido e pertence ao sistema público, Seaga procede á xestión da biomasa. Se o propietario non se adhire ao sistema e non cumpre coa xestión da biomasa, o concello deberá facer un requirimento para que proceda á limpeza. Todas as accións de limpeza serían executadas por Medio Rural a través de Seaga. Se non houbese propietario coñecido, a Xunta asume todas as actuacións necesarias.

En terceiro lugar, a Xunta tamén se compromete a apoiar aos concellos para determinar as faixas secundarias nos plans municipais de defensa contra os incendios. Para facilitar a tarefa, poñerá en marcha un visor web específico de acceso público que abranguerá todos os concellos galegos e conterá as faixas secundarias naqueles concellos con plans xerais de ordenación municipal adaptados á Lei de ordenación urbanística.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

A partir da intersección da faixas cun sistema de información xeográfica e da cartografía catastral, coñeceranse as parcelas afectadas coa súa referencia catastral correspondente e, con información vectorial actualizada poderase identificar cada nova actuación sobre o territorio.

Deixa unha resposta