O Observatorio para a Sociedade da Información (Osimga) renova a súa web

A nova web ofrece un deseño gráfico actualizado e deseño responsive para o acceso dende móbiles e tabletsEntre as novidades do Plan de Traballo para 2018 o Osimga prevé a incorporación de novos indicadores sobre ciberseguridade, redes sociais e economía colaborativa na Enquisa a Fogares

16/07/2018|Amtega

O Observatorio para a Sociedade da Información (Osimga), dependente da Amtega, renova a súa web, www.osimga.gal, para ofrecer un acceso sinxelo e intuitivo aos diferentes contidos. O novo portal incorpora o deseño responsive que facilita a navegación dende diferentes dispositivos.

O portal do Osimga é a principal ferramenta de difusión pública das actividades realizadas polo Observatorio como organismo de xestión, información e vixilancia da evolución da sociedade da información en Galicia. Este portal é unha canle aberta de comunicación e difusión dos datos, informacións, estudos e outros materiais elaborados polo Observatorio. En 2017, osimga.gal recibiu 121.878 visitas, un 5,2% máis que o ano anterior, e o número medio mensual de visitas ao web situouse en máis de 10.100.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO
Estatísticas de referencia

Tras 7 anos en funcionamento desde a súa posta en marcha en 2011, os cambios e avances tecnolóxicos, tanto na forma de visualizar e presentar a información como no xeito de acceder á información por parte dos usuarios, facían necesaria unha renovación do portal. Ademais do cambio visual, realizouse unha reorganización dos contidos destacados, de xeito que a lectura sexa máis limpa e clara.

Entre as novas seccións, cabe salientar o apartado de “Estatísticas”, que ofrece un Cadro de Mando cos principais indicadores da Sociedade da Información en Galicia, conforme ao Plan Galego De Estatística 2017 – 2011 da Comunidade Autónoma de Galicia.

Outra novidade é a sección “Informes”: estudos coa información estatística máis ampla e detallada sobre as TIC existente en Galicia, cunha consulta sinxela por categoría ou anos.

Boletín trimestral

A través da súa web e do seu boletín trimestral de actualidade, que conta xa con máis de 2.700 subscritores, o Observatorio subministra unha selección de noticias de actualidade, eventos, ligazóns con outras fontes de información, observatorios ou entidades relacionadas coa modernización da Administración autonómica galega e a Sociedade da Información.

Ademais, o fondo histórico do OSIMGA presenta unha panorámica, ordenada de modo cronolóxico e temático, da evolución da Sociedade da Información e a Administración electrónica en Galicia.

Plan de Traballo Osimga 2018

O pasado mes de xuño celebrouse o Pleno do Observatorio do Osimga, no que se expuxo o plan de traballo para este ano. Entre as novidades para 2018 destaca a incorporación de novos indicadores na Enquisa a Fogares, que permitirán obter información sobre ciberseguridade, redes sociais e economía colaborativa na sociedade galega.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Ademais, no marco de colaboración con outras entidades, como a Unidade de Muller e Ciencia, elaborarase unha nova edición dos informes sobre o uso das TIC desde unha perspectiva de xénero e a situación das mulleres no sector TIC. Co fin de contribuír a avaliación do Plan Estratéxico da Xuventude, darase continuidade ao estudo temático sobre A Mocidade e as TIC. No marco do Plan de Software Libre, o Osimga realizará novas vagas de estudos temáticos en 3 ámbitos: O Software libre nas empresas, no sector TIC e nos concellos.