O presidente de Abanca deixa a presidencia para ‘salvar’ Banesco en Venezuela

 

O empresario venezolano Juan Carlos Escotet decidiu deixar de maneira provisional a presidencia non executiva de Abanca para trasladarse a Venezuela e defender os seus intereses no país. O réxime venezolano detivo nas últimas horas a 11 dos máximos executivos da entidade por supostamente colaborar cunha rede de transaccións en negro de divisas.

Segundo informou a entidade, a ausencia de Escotet ten a finalidade de apoiar e atender os equipos instalados no país latinoamericano ante a “gravidade” dos acontecementos. No seu lugar, foi nomeado presidente non executivo o conselleiro Eduardo Eraña Guerra.

As relacións entre o réxime de Nicolás Maduro e o empresario viñéronse deteriorando nos últimos anos. Non é a primeira vez que algúns dos seus máximos dirixentes acusan á entidade de participar en distintas operacións sospeitosas. O pasado nadal, mesmo, chegaron a insinuar a posibilidade de expropiar o Banesco.

Desde a entidade sosteñen que calquera situación que suceda en Venezuela non afectará a Abanca, xa que non dependen entre si. Escotet fíxose co grupo galego en 2014, cando se adxudicou a antiga Novagalicia.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

O español Óscar Doval, presidente executivo de Banesco, foi arrestado tras declarar o mércores pola noite ante a Dirección de Contrainteligencia Militar (Dgcim), que o citou xunto con outros executivos do maior banco privado venezolano. Ademais de Doval foron detidos un consultor xurídico, catro vicepresidentes, un director, dous xerentes e dous oficiais de servizo, precisou o fiscal xeral do réxime chavista, Tarek William Saab, informa Afp.

As autoridades acusan á entidade de facilitar ou encubrir «ataques» contra o bolívar mediante a saída de papel moeda a outros países e a especulación co prezo do dólar no mercado negro. «O obxectivo final (desas accións) foi destruír a moeda venezolana», asegurou Saab, indicando que unha inspección no terreo determinou múltiples «omisións na prevención e monitoreo contra a legitimación de capitais».

As detencións producíronse cando os directivos do banco acudían a unha reunión na Superintendencia de Institucións do Sector Bancario (Sudeban)

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Nas súas últimas declaracións públicas, en febreiro, Escotet mostrouse tranquilo sobre o desenvolvemento das actividades de Banesco e descartou calquera acción do Goberno contra a entidade.

Deixa unha resposta