O programa Emprega Automoción contará cun investimento de 20M€ ata 2020

Feijóo anuncia o lanzamento do programa Emprega Automoción que cun investimento de 20M€ ata 2020 mellorará a capacitación dos profesionais do sector

Asegura que co novo bono Emprega Automoción apoiarase a formación á carta de 4.500 persoas cun orzamento de 9M€ e financiado nun 50% pola Xunta

En relación á industria de transformación agroalimentaria avanza a autorización de investimento público para financiar tres proxectos que xerarán valor engadido para o leite galego e que mobilizarán 38M€

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa de Consello, a aprobación de dúas medidas que beneficiarán a dous dos sectores nos que Galicia é punteira, a industria de transformación agroalimentaria e a automoción.

Con respecto ao sector automobilístico, o presidente da Xunta anunciou o lanzamento do programa Emprega Automoción dirixido a mellorar a capacitación de 9.000 traballadores do sector, 5.000 persoas ocupadas e 4.000 desempregadas.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

A ese respecto, o titular do Goberno galego subliñou que entre os principais obxectivos deste programa, que contará cun investimento de 20M€ ata 2020, figura a adaptación aos novos perfís profesionais que demanda o mercado laboral e o reforzo dos vínculos entre o sistema de formación e a industria.

Emprega Automoción, dixo, agrupará tres iniciativas diferentes. A primeira delas, o novo bono Emprega Automoción, apoiará a formación á carta de 4.500 persoas cun orzamento de 9M€ e no que a Xunta financiará o 50% da formación ata un máximo de 2.000 euros por empregado contratado a partir do 1 de xaneiro deste ano.

A segunda iniciativa, que comezará a funcionar nas vindeiras semanas, será a das unidades formativas para desempregados e ocupados. Impartiranse 67 unidades formativas para 830 persoas, todas elas financiadas polo Goberno galego na súa totalidade. Ademais, no caso dos desempregados, as empresas adquirirán o compromiso de contratar o 40% dos alumnos que formen. En definitiva, investirase un montante de 4,5M€ o que permitirá formar a 3.000 persoas a través de 200 cursos.

Por último, o titular do Goberno galego concretou a que será a terceira das iniciativas, os cursos para desempregados que outorgarán formación homologada ás persoas en situación de desemprego coa posibilidade de acceder a certificados de profesionalidade con validez no territorio español. A estas axudas, que ascenderán a 6M€ ata 2020, poderán acceder as empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos que impartan os cursos en centros homologados ou centros propios da Administración galega. Agárdase que o 25% das subvencións estean dirixidas ao sector do metal e o 15% ás TIC, áreas de forte impacto na automoción.

Ao longo da súa intervención, Feijóo tamén destacou a importancia de seguir apostando pola formación nun ámbito, o da automoción, que é estratéxico para Galicia e dá traballo, de xeito directo ou indirecto, a 20.800 galegos e galegas. A facturación do sector medrou un 4,3% no último ano con cifras de exportación récord, 5.740M€ e un incremento do 21,6%, abundou.

Sector lácteo

No caso do lácteo trátase da autorización de tres investimentos incluídos na liña de axudas para as industrias de transformación e comercialización de produtos agrarios que foi aprobada a comezos deste ano.

En total, subliñou, serán 12,6 M€, que sumados a inversión que achegan as empresas, mobilizarán máis de 38M€. As beneficiarias serán: Inleit Ingredients, Queserías Entrepinares e Corporación Alimentaria Peñasanta que agrupa a Larsa e Central Lechera Asturiana.

En todos os casos estas subvencións permitirán incentivar e adoptar novas técnicas e produtos que xeren valor engadido. En concreto, Inleit Ingredients construirá unha planta para a produción de permeato en po; Queserías Entrepinares introducirá novos formatos para o envasado e loncheado de queixo, o que suporá un incremento da súa produción na planta de Vilalba; e, por último, Corporación Alimentaria Peñasanta ampliará a súa planta en Lugo e introducirá unha nova liña de envasado para o leite UHT en botella de polietileno de alta densidade.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

A convocatoria deste ano, na que se enmarcan estes investimentos, contempla ademais a resolución nas vindeiras semanas de axudas para 97 proxectos que mobilizarán algo máis de 89M€. A meirande parte delas, preto do 60%, destinadas a este sector.

Deixa unha resposta