O uso do casco polos ciclistas profesionais nos adestramentos

[ 29/01/2009 ] Ángel, un amable afeccionado de Santiago, á vez que nos felicita polo traballo que “están facendo”, remítenos unha queixa. Envíanos unha mensaxe lamentándose do difícil que lle resulta a el e aos responsables das escolas de ciclismo convencer aos nenos de que usen o casco nos adestramentos, sobre todo se logo “ven imaxes en televisión ou fotos dos seus ídolos que non o usan”.

Algúns ciclistas do Xacobeo Galicia tiveron a amabilidade de dar unha resposta a Ángel, que consideramos moi interesante, polo reveladora, nuns casos, e polo sincera, noutros.

O uso do casco
O uso do casco

Iván Raña é tan conciso como claro: “Eu só quero dicir que por min sería obrigatorio levalo sempre”.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Alejandro Paleo conta a súa reveladora experiencia:
“Quizais eu non sexa por agora un campión do que falan no e-mail e no que se reflicte o neno, pero seguramente lle poida servir o meu exemplo. Correndo en categoría amateur en Portugal caín e o casco quedou desfeito, tiven un traumatismo na cabeza (fisura de cranio) e estiven 23 días no hospital. De todo iso recordo moi pouco polo golpe que levei”.

Paleo engade: “Naquel entón dixen: “¡Ata aquí!, a partir de agora irei sempre con casco”; pero no tardei en esquecerme desa promesa e volvín adestrar sen casco, ata que un día volvín a caer, esta vez adestrando, e tiven rotura de clavícula e un golpe na cabeza. Non lembro máis, porque esa vez tamén me trasladaron inconsciente ao hospital. Diso fai máis ou menos dous anos e nunca volvín a saír sen casco. Dinme conta de que o casco me salvara a vida. Estou convencido de que sen el non estaría aquí contándoo; ademais, se tes un casco mais ou menos bo é cómodo e non molesta. En definitiva, na miña opinión resulta moi importante levalo sempre. Un saúdo”.

David García remite unha carta sincera
Querido afeccionado: Quero empezar pedíndoche desculpas pola situación. Comprendo perfectamente o teu punto de vista (é difícil convencer a un neno de que debe levar o casco, especialmente se aqueles que podemos servirlle de espello non o usamos sempre). Eu son un dos que non sempre adestra con el. En competición, aínda que me autorizan a non usalo, de ningún modo correría sen el, pero adestrando non sempre o utilizo, ás veces porque fai moito frío e quero levar un gorro de la (co cal non me entra o caso) e outras porque fai demasiada calor. Sei que isto che soará a escusa e, en certo xeito, o é; utilízoa para sentirme ben comigo mesmo polo cargo de conciencia que me provoca o non utilizalo, pois considero que debería usalo sempre.

Moitas grazas pola túa observación, que terei en conta. Grazas polo teu seguimento e espero que poidamos seguir dándovos alegrías moito tempo.

Serafín Martínez, plenamente identificado co tema
“Vinme reflectido na mensaxe do afeccionado por un caso que me sucedeu hai uns meses. Explícome:

Ata hai tres meses teño que recoñecer que non utilizaba casco para adestrar, porque me sentía incómodo con el, sobre todo os días de calor. Isto terminouse cando un amigo, co que quedaba para saír, insistíame en que os seus sobriños, benxamíns do C. C. Rosal, dicíanlle que non querían saír á estrada co casco porque “Serafín tampouco o leva”. Tanto me insistiu que terminei por polo un día e outro… ata chegar o momento de que non podo saír sen el”.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

A súa impresión é que “no equipo cada vez estase utilizando máis, sobre todo nos ciclistas máis novos e, mesmamente, David García, que está empezando a usalo nos adestramentos”.

Deixa unha resposta