O Xacobeo Galicia presentouse pensando en “dúas grandes” no 2009

[ 23/01/2009 ] O Xacobeo Galicia presentou o seu terceiro proxecto para o ciclismo internacional, que se asenta en toda a ilusión inicial e as bases que se foron colocando desde mediados de 2006, momento do seu arranque, e coas que gaña un punto substancial de madurez, que lle permite saír cunhas ambicións deportivas moi altas, aspirando “ao podio da Volta a España, sen renunciar a ningún banzo”, comentou Álvaro Pino, manager do equipo. O acto celebrouse no Centro Galego de Arte Contemporánea, presidido pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo.

HORARIOS DE EMISIÓN DA PRESENTACIÓN NA TVG (canle TDT)
Sábado: 14:27 e 21:05
Domingo: 14:35
O Giro de Grosseto levará ao Xacobeo Galicia a Italia por primeira vez
Anxela Bugallo e Marta Souto con Veloso, Ezequiel e Raña
Anxela Bugallo e Marta Souto con Veloso, Ezequiel e Raña

Na presentación estiveron tamén Marta Souto (directora xeral para ou Deporte), Marcial Rodríguez Suárez, en representación do Xacobeo; Guillermo Brea, de Caixanova; Carlos Domínguez, xerente de Cardomar; o presidente da Federación Galega, Sabino Cortizo; José Cortegoso e Francisco Pérez, de Compostela Móvil-Toyota; Ramón Mendiburu e Fernando Ferrero, en representación de Etxeondo, a firma que achega a vestimenta de competición ao equipo; Cristina del Ramo, relacións públicas de Catlike, firma que fornece os cascos; e Rafael Fernández, xerente de Alfa Rotulación.

A presentación, magnificamente conducida por Terio Carreira, xefe de deportes da Radio Galega, abriuse coa proxección duns audiovisuais sobre o percorrido do equipo galego polo Camiño de Santiago, a concentración que realizou nos últimos dez días e a exitosa participación do equipo na pasada Volta a España, aos que seguiron unha actuación, moi celebrada, a cargo do humorista Pepo Suevos.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Continuou o acto coa presentación de todos os integrantes do equipo, empezando polos ciclistas e finalizando polos directores deportivos e o manager; e acto seguido tomou a palabra Ánxela Bugallo, que resaltou a calidade deportiva e humana do cadro de ciclistas, e lembrou as “moitas satisfaccións que nos deron”, o que fai que o Xacobeo Galicia se instalase “no corazón de todos nós”.

Álvaro Pino confesou unha gran confianza na capacidade deportiva do equipo e comentou que aspira lexitimamente a unha invitación do Giro de Italia e incluso do Tour de Francia, porque “cumprimos as normas que se lle esixen ás formacións invitadas”. Con respecto a proba italiana concretou: “Na nosa programación da primeira parte da tempada temos o Giro incluído, con cinco corredores fixos e outros catro que estarían un pouco en función das circunstancias e do estado de forma chegado o momento”.

Estrutura do equipo
Ciclistas: Ezequiel Mosquera, David García, Gustavo C. Veloso, David Herrero, Carlos Castaño, Iván Raña, Gustavo Domínguez, Serafín Martínez, Gonzalo Rabuñal, Juan F. Mourón, Eduard Vorganov, Iban Mayoz, Alejandro Paleo, Alberto Fernández, Pedro Fernández, Marcos García e Héctor Espasandín.
Manager-director: Álvaro Pino.
Directores deportivos: Jesús Blanco Villar e José Ángel Vidal
Masaxistas: José Luís Boente, Santiago Diz, José Manuel Condesa e Roberto Portela
Mecánicos: Genaro Prego, Gonzalo Aguiar, Fernando Ordóñez Citoula e Modesto Sánchez.
Médico: Xoán Manuel R. Bastida
Preparador físico: Guillermo R. Carballido
Administración: Sara Villanueva
Área comunicación e promoción: Pepe Xagarós

REPASO AO CADRO DE CORREDORES
Ezequiel Mosquera, un nome para as grandes voltas. O equipo galego presentou unha estrutura de 19 corredores, que mantén a base da pasada edición e catro novas incorporacións. A referencia do equipo para as probas por etapas é Ezequiel Mosquera. O galego cabe ser considerado como un dos corredores máis fiables do pelotón internacional en probas de tres semanas, así o confirman o cuarto e o quinto postos alcanzados nas Voltas a España 2007 e 2008 (primeiras dúas grandes carreiras por etapas que disputou), pero tamén os seus postos de honra na totalidade de voltas dunha semana nas que ten participado.

Clase alta: Outro grupo de corredores fixéronse acredores a instalarse na clase alta do pelotón. Corredores como David García e Gustavo C. Veloso deron un salto de calidade importante, dos que falan por si sos os seus éxitos en Volta a Turquía, Volta a España ou Volta a Cataluña. David Herrero confirmou na Volta ao País Vasco e, mesmamente, na última semana da Volta a España, que chegou tamén á súa plenitude deportiva, e iso é tanto como dicir que pode buscar así mesmo, sen complexos, o éxito en probas ata do calendario Pro Tour. Carlos Castaño é outro ciclista de calidade contrastada e, sen os problemas físicos e de saúde da pasada campaña, debe adxudicarse unha parte significativa do peso deportivo do equipo.

Corredores decididos a “meter os cóbados”: Gustavo Domínguez, Eduard Vorganov, Iban Mayoz, Serafín Martínez, Gonzalo Rabuñal e Juan Mourón son corredores en fase de definición e moi decididos a “meter os cóbados” para instalarse na cabeza do pelotón. Pedro Fernández é outro corredor que, tras unha traxectoria longa en Portugal, debe medrar como ciclista apoiado nos estímulos que lle ofrece esta oportunidade no Xacobeo Galicia.

Asentamento e algo máis: Alejandro Paleo e Alberto Fernández buscarán asentarse. Unha situación distinta é a de Iván Raña, pero o seu primeiro obxectivo será tamén adaptarse ao ciclismo profesional tras a súa exitosa traxectoria como triatleta. Aínda que, conseguido este primeiro obxectivo, as súas extraordinarias condicións atléticas poderían levalo moito máis lonxe xa neste primeiro ano.

O prometedor futuro: Delio Fernández, Vladimir Isaychev, Marcos García e Héctor Espasandín teñen potencial e gañas para aspirar co tempo necesario a facerse un sitio importante no mundo do ciclismo. O primeiro causou unha excelente impresión na súa primeira tempada como profesional en 2008. Vladimir Isaychev é un corredor cunha fortaleza e unha capacidade de traballo fóra do común, e García e Espasandín chegan novos á categoría, pero cun historial deportivo moi interesante.

O Giro de Grosseto levará ao Xacobeo Galicia a Italia por primeira vez

O equipo Xacobeo Galicia, coa súa presentación oficial o pasado xoves no Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago de Compostela, estableceu a conta atrás para a entrada en competición, que iniciará na Volta a Mallorca (8-12 / 02) para continuar en Italia co Giro di Grosseto (13-15/02).

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Para o equipo galego, que xa competiu en 2008 en América e Asia, a participación na carreira da rexión da Toscana suporá a súa primeira incursión no país transalpino.

Deixa unha resposta