Os CEIP Labarta Pose, Ponzos, e A Xunqueira fanse coa VII edición dos premios ‘Nós tamén creamos!

Os CEIP Labarta Pose, Ponzos, e A Xunqueira fanse coa VII edición dos premios ‘Nós tamén creamos!’

O certame recoñece as mellores curtas de animación en galego elaboradas en stop-motion por profesorado e alumnado de infantil e 1º a 4º de primaria

Nós tamén creamos! forma parte do programa de dinamización lingüística homónimo que promoven a Consellería e mais a CRTVG en colaboración con OQOeditora

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deu a coñecer a través do seu Portal educativo e mais do Portal da lingua galega a resolución da VII edición dos Premios a curtas de animación en galego ‘Nós tamén creamos!’, convocados conxuntamente coa Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) en colaboración con OQOeditora.

Na modalidade de educación infantil o xurado acordou concederlle o premio ao profesorado e ao alumnado do CEIP Labarta Pose de Zas (A Coruña) polo filme “A mellor sopa do mundo”. Igual título ten o traballo premiado na categoría de 3º e 4º de primaria, elaborado no CEIP A Xunqueira de Pontevedra. Na modalidade de 1º e 2º de primaria, a seleccionada foi a curta “Coas mans baleiras” do CEIP de Ponzos, de Ferrol (A Coruña).

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Cada un dos centros premiados recibirá un lote de libros de OQOeditora, un agasallo da CRTVG e un diploma acreditativo. Ademais, o profesorado participante nas curtas premiadas obterá unha certificación de Premio de Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. As curtametraxes seleccionadas poden verse no Portal da lingua galega (www.lingua.gal/nos-tamen-creamos), así como na sección infantil do web da Televisión de Galicia (www.crtvg.es).

Programa de dinamización da lingua galega

‘Nós tamén creamos!’ é un programa de dinamización lingüística que desenvolven a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e a CRTVG en colaboración con OQOeditora.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Mediante a elaboración de curtas de animación en galego coa técnica stop-motion que adaptan narracións literarias, búscase favorecer a innovación educativa para promover xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe de linguas; conseguir unha relación positiva dos rapaces co idioma propio de Galicia, ao relacionalo co audiovisual e coas TIC; abrir unha nova oportunidade para que as nenas e nenos se acheguen á lectura en galego; fomentar a creatividade en lingua galega e difundir as posibilidades de ocio en galego que ofrece a TVG. Ademais, no marco do Plan Proxecta, o profesorado implicado recibe materiais e formación, para levar adiante co seu alumando estes proxectos cinematográficos.