Os técnicos de UPTA Galicia ofrecerán asesoramento personalizado no Día do Emprendedor

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

A Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Galicia participará activamente no V Día do Emprendedor de Galicia, que terá lugar o vindeiro mércores día 16 de xuño no Palacio de congresos de Santiago de Compostela. Organizado pola Consellería de Economía e Industria a través do IGAPE e do BIC Galicia, este evento dará a oportunidade aos emprendedores de recibir asesoramento e formación sobre a posta en marcha dunha iniciativa empresarial.
Os técnicos de UPTA Galicia, como vén sucedendo nos últimos anos, estarán nas zonas de asesoramento ofrecendo unha atención personalizada aos emprendedores en materias como o autoemprego, a procura de financiamento, a creación e dirección de empresas, aspectos xurídicos e laborais, a internacionalización, a promoción e a comunicación, etc. Ademais, a organización porá a disposición das persoas asistentes material informativo e divulgativo sobre os principais aspectos do traballo autónomo.
Nesta quinta edición, o Día do Empendedor fai énfase no desenvolvemento da creatividade como autónomos a través da análise e o traballo práctico en elementos como o financiamento, a formación directiva ou as novas formas de marqueting e vendas. Ademais, impúlsase o “networking” e provocarase o encontro entre as ideas emprendedoras e os posibles investidores así como un punto específico de xuntanza para aqueles autónomos con necesidades comúns.
Para cada un dos puntos de interese do Día do Emprendedor haberá actividades de debate en forma de obradoiros e mesas redondas, espazos para entrevistas e asesoramento cara a cara e zonas habilitadas para exposicións temáticas sobre contidos como a innovación, o financiamento, a formación, a tecnoloxía, os viveiros de empresa e a internacionalización empresarial. As inscricións para participar en calquera dos eventos programados, sempre de carácter gratuíto, deben facerse a través da web do Día do Emprendedor de Galicia: http://www.diaemprendedor.com/.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Deixa unha resposta