En Marea insta a Feijóo e a Escotet a aclarar o posicionamento da Xunta e de Abanca con respecto á previsión de venda das hidroeléctricas do Xallas

Trala declaración da posta en marcha do proceso de venda das centrais hidroeléctricas do Río Xallas e a incertidume que está xerando nos traballadores de Ferroatlántica e na Costa da Morte, a En Marea amosa a súa sorpresa de que Ferroatlántica fale de vender os saltos do Xallas cando actualmente, e de acordo coa documentación  disponible,  a propiedade (pleno dominio) deles correspóndelle a Abanca en virtude dos contratos asinados por Ferroatlántica en maio de 2012.

Abanca é cotitular da concesión de explotación das centrais hidroeléctricas, que son xestionadas por Ferroatlántica en réxime de leasing (contrato asinado o 25/05/2012), por importe de 120 millóns de euros, que vence no 2023, e cun principal pendente de amortización de 77 millóns de euros a 31/12/2015.  Este contrato de leasing ten como garantia de pago un dereito real de prensa sobre determinados contratos asinados por Ferroatlántica cunha compañía eléctrica e foi cedido por Abanca a un consorcio de bancos, reservándose en todo caso Abanca unha parte e a opción de compra.  De feito, todos estes datos constan nas contas anuais do Grupo Villar Mir do exercicio 2015 (as últimas depositadas no rexistro mercantil) e nas contas de Ferroatlántica do exercicio 2013, que se adxuntan ao final desta nota.

“Quen ten todas as cartas na man para decidir como se resolve este asunto tan trascendente, que abre a posibilidade dun expolio total dos nosos recursos naturais, son a Xunta de Galicia e Abanca”, sinala o vicevoceiro de En Marea Antón Sánchez, que considera que o deber da Xunta de Galicia é defender o interés xeral dos galegos e galegas, e neste caso dos habitantes da Costa da Morte e os traballadores de Ferroatlántica,e  evitar que se especule cunha concesión que foi outorgada coa condición da unidade da actividade hidoreléctrica e das fábricas de ferroaleacións, cuestión que xustificaba o seu interés xeral. Dende En Marea esíxenlle a Feijóo que “debe de garantir e manifestar claramente o cumplimento da legalidade, non sabemos a que responde a súa indefinición neste asunto, pero esiximos que manifeste xa que se vai cumplir coa legalidade e que polo tanto, non se vai consentir a segregación das actividades”.

Abanca entidade propietaria dos saltos e cotitular do título concesional, xestiona perto do 40% do aforro dos galegos, e “non pode permitir actuacións especulativas que supoñan un expolio da economía do país, senón poñerse do lado da economía galega e non do señor Villar Mir, por eso pedimos ao señor Escotet que actúe en consecuencia”, conclúe Sánchez.

EN MAREA COS TRABALLADORES DE FERROATLÁNTICA

O portavoz de En Marea, Luís Villares, xunto co viceportavoz, Antón Sánchez, e os deputados de En Marea, Juan Merlo e Francisco Casal, sumaranse a manifestación convocada para esta tarde na praza do Concello de Cee baixo o lema “As nosas centrais non se venden, Non á segregación das actividades de enerxía e ferroalaxes. O grupo parlamentario de En Marea quere unha vez máis facer público o seu apoio aos traballadores de Ferroatlántica e insta ao Goberno galego a asumir o compromiso coa defensa dos postos de traballo como xa fixo o voceiro Luís Villares no debate de investidura de Alberto Núñez Feijóo, e que quedou sen resposta algunha por parte do presidente da Xunta de Galicia.

Deixa unha resposta