O Xacobeo Galicia inicia en Mallorca a súa terceira tempada ciclista

[ 04/02/2009 ] O Xacobeo Galicia inicia a tempada ciclista o próximo domingo na Volta a Mallorca. O equipo galego chega ao punto de saída da súa terceira campaña no panorama ciclista internacional, e faino coa responsabilidade e a satisfacción de saber que vai poder incluír por vez primeira dúas grandes voltas por etapas no seu calendario: Giro de Italia (9 – 31 maio) e Volta a España (29 agosto – 20 setembro).

Gustavo Domínguez tira do grupo
Gustavo Domínguez tira do grupo

A saída da expedición para Mallorca efectuarase mañá xoves, ás 11.35 horas, desde o aeroporto de Peinador (Vigo), con José Ángel Vidal á fronte. Álvaro Pino unirase ao grupo un día despois pero regresará antes de que finalice a carreira, pois tamén estará á semana seguinte no Giro di Grosseto, primeira competición do equipo en territorio italiano.

Para Mallorca o Xacobeo Galicia dispuxo once corredores: Gustavo Domínguez, Eduard Vorganov, Iván Raña, Iban Mayoz, Juan Mourón, Delio Fernández, Vladimir Isaychev, Alejandro Paleo, Pedro Fernández, Héctor Espasandín e Marcos Fernández. En cada etapa poden saír un máximo de dez corredores, polo que na primeira descansará Iban Mayoz, segundo apuntou Álvaro Pino.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Os dous primeiros ciclistas da relación, Gustavo Domínguez e Eduard Vorganov, serán de saída as referencias do equipo para a xeral na carreira balear. Ambos demostraron na concentración de xaneiro atoparse con ganas e cun bo golpe de pedal, a pesar de non ter ritmo de competición. O terreo de media montaña que ofrece o percorrido en tres das súas cinco etapas non desgusta a ningún deles.

O equipo galego, como todos os seus adversarios, quere aproveitar estar primeiras carreiras da tempada para ir despexando incógnitas. Por un lado, concita interese o debut do ex campión do mundo de tríatlon Iván Raña, aínda que a adaptación seguramente necesitará realizarse de forma gradual; e, por outro, empezarase a ver o modo en que un veterano como Pedro Fernández, tras unha traxectoria profesional realizada totalmente en Portugal, se acopla a un pelotón máis internacional.

A mirada tamén estará posta nos `neos` Héctor Espasandín e Marcos Fernández, aínda que para este último a categoría non constitúe unha novidade completa porque a finais da pasada tempada xa disputara varias carreiras a proba co Xacobeo Galicia. Iban Mayoz, décimo na xeral no 2008, empezará a competición “regulando un pouco máis que o ano pasado porque ten por diante un calendario amplo e en Mallorca só sairá tres dos cinco días”, comentou Álvaro Pino.

Para Juan Mourón comeza seu terceira tempada no equipo, e para Delio Fernández, Vladimir Isaychev e Alejandro Paleo, a segunda. Os catro chegan a esta primeira carreira con ganas e coa ambición de poder empezar a labrarse un nome no pelotón.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Hoxe mércores, á primeira hora da mañá, saíron os coches de equipo, o camión e o autobús rumbo a Valencia para esta noite coller o barco para Palma. A proba será retransmitida polo segundo canle da TVG, de domingo a xoves.

Deixa unha resposta