Suben os prezos en Galicia durante o mes de abril

Segundo os datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE), a inflación en Galicia sitúase no 1,2% en termos anuais, mentres que creceu un 1% en abril.

A taxa interanual situouse no 0,9% en febreiro en Galicia e creceu dúas décimas en marzo, cando alcanzou o 1,1%. Agora ascende outra décima, ata o 1,2%. Por contra, no conxunto estatal é unha décima menor tras descender en abril un 0,1 e situarse no 1,1%.

Por grupos, unicamente o lecer e a cultura rexistra unha taxa anual negativa en Galicia, do 1,1%, tras un descenso do 0,7% en abril con respecto a marzo.

Pola súa banda, ás comunicacións corresponde a taxa anual máis alta, do 2,8%, tras crecer un 1,2 no cuarto mes do ano. A continuación, en taxa interanual, atópanse os transportes (2,5%) e as bebidas alcohólicas e o tabaco (2,4%).

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Mentres, tanto alimentos e bebidas non alcohólicas como vivenda e ensino rexistran un incremento interanual de prezos do 1,1%; hoteis, cafés e restaurantes do 1,7%; o vestido e o calzado do 0,7% e o medicamento do 0,6%.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

No que se refire a abril –desde marzo–, os prezos subiron sobre todo en vestido e calzado (8,9%), e en transporte e comunicacións (o 1,2%) e baixaron en lecer e cultura.

Deixa unha resposta