Un adestramento suave e unha sesión de fotos ocuparon a penúltima xornada de concentración

[ 21/01/2009 ] O Xacobeo Galicia celebrou no penúltimo día de concentración unha sesión suave de adestramento durante tres horas. O tempo obrigou unha xornada máis a botar man dos chuvasqueiros. Alberto Fernández exercitouse co grupo durante todo o percorrido por vez primeira; en cambio, Iban Mayoz, que xa sentira molestias pola noite, regresou ao hotel cando aínda non se cubriran os primeiros dez quilómetros. Todo pareceu quedar finalmente nunha indisposición momentánea.
FOTOS CONCENTRACIÓN 2009
Adestramento 9
Adestramento 8
Adestramento 6
Adestramento 5
Adestramento 4
Adestramento 3
Adestramento 1
Xacobeo Galicia
Xacobeo Galicia

Pola tarde houbo sesión de fotos, algo condicionada tamén pola choiva. Neste acto o Xacobeo Galicia contou coa excepcional colaboración do Club de Remo Raboleira, que puxo a disposición do equipo ciclista as súas instalacións e material diverso. A pesar de que a meteoroloxía non acompañou demasiado estes días, cubriuse todo o programa de traballo, debido en gran medida a excelente predisposición dos corredores. O grao de afinidade no seo do grupo tamén alcanzou niveis moi altos. A iso axuda o feito de que a práctica totalidade dos integrantes do equipo coñécense da tempada anterior.

As únicas altas contabilízanse no estamento de ciclistas, coas incorporacións de Iván Raña, Pedro Fernández, Héctor Espasandín e Marcos García. Os dous primeiros eran ben coñecidos pola maioría dos compañeiros do equipo; en canto a Espasandín, participara xa en varios adestramentos coa formación profesional galega nas dúas últimas tempadas, e Marcos García tamén chegou a correr tres probas co Xacobeo Galicia a finais da pasada tempada campaña. Polo que no sentido estrito case non pode falarse de novidades.

Persoal da Televisión de Galicia e da revista Biciciclismo tamén aproveitaron o adestramento para facer unhas gravacións, os primeiros, e concluír a reportaxe fotográfica iniciada o día anterior os segundos. Nesa xornada tamén seguira ao equipo Javier Figaredo, tomando fotos para a revista Pedalier.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

O adestramento de mañá, último día de concentración, constará de catro horas e media para o grupo de corredores que levan máis avanzada a preparación, e de catro para o segundo. Os primeiros incluirán na sesión un porto de montaña e hora e media de adestramento tras coche. O segundo grupo terá que subir dous portos. No entanto, todos os ciclistas farán xuntos a ascensión ao primeiro porto. A saída está prevista para as dez da mañá. Mantéñense as previsións de chuvascos, aínda que amornará un pouco o ambiente, pois anuncianse temperaturas entre 12 e 15 graos.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

A media tarde o equipo abandonará definitivamente a zona do Baixo Miño, rumbo a Santiago, porque ás 20:15 horas a Fundación Ciclismo Galego presenta no Centro Galego de Arte Contemporánea o seu ilusionante terceiro proxecto no mundo do ciclismo profesional.

Deixa unha resposta