Un reto polas Enfermidades Inflamatorias Intestinais

Almuiña recibe a Víctor Loira na derradeira etapa do seu reto

Fonte: Sergas

​O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, recibiu hoxe ao equipo integrante do proxecto Un reto polas Enfermidades Inflamatorias Intestinais, 1.320 quilómetros de visibilidade. Deste xeito remata o percorrido que realizou por Galicia Víctor Loira, enfermo de Crohn e portador duna bolsa de ostomía, que viaxou por Galicia en bicicleta e patinete cun obxectivo: dar visibilidade ás enfermidades inflamatorias intestinais e contribuír a súa sensibilización social. A Consellería de Sanidade colabora nesta inciativa, que está organizada pola Asociación Socio Sanitaria de Enfermedades Inflamatorias Intestinales y Ostomizados (ASSEII).

O reto comezou o pasado día 19 de agosto en Pontevedra e finaliza hoxe en Santiago, logo de 17 xornadas, en cada unha das cales Loira e o seu equipo visitaron un hospital do Servizo Galego de Saúde para dar a coñecer e facer uso dos aseos adaptados para as persoas ostomizadas que a Consellería de Sanidade instalou neles. Ademais, en cada un dos centros de saúde polos que pasaron no seu percorrido, deixaron un tríptico informativo cunha breve explicación sobre as enfermidades de Crohn e a colitis  ulcerosa. O proxecto quixo tamén demostrar que o exercicio físico mellora a calidade de vida das persoas con enfermidades inflamatorias intestinais (EII); dar visibilidade a rede de aseos ostomizados instalados pola Consellería de Sanidade, como referente desta iniciativa a nivel nacional; e concienciar sobre a necesidade de investigar a orixe das EII e de atopar tratamentos efectivos que axuden a curar ou mellorar a calidade de vida dos pacientes.

A Enfermidade Inflamatoria Intestinal (EII)

A Enfermidade Inflamatoria Intestinal é unha enfermidade de etioloxía autoinmune do aparato dixestivo, que integra principalmente a enfermidade de Crohn e a colite ulcerosa, e que poden afectar a calquera parte do tracto dixestivo con un amplo potencial de complicacións ó longo do seu curso. Esta patoloxía pode afectar a persoas dende moi novas, e as converte en enfermos crónicos que teñen que acudir en diversas ocasións ós centros sanitarios. E, ademais, pode ter manifestacións extraintestinais, como problemas de pel ou articulares, entre outras moitas, o que implica unha necesaria interrelación con outras especialidade médicas e cirúrxicas.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO
PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO