Unha APP para loitar contra as agresións sexuais

A Xunta lanza unha aplicación móbil para loitar contra as agresións sexuais

Inclúe un decálogo contra a violencia sexual, consellos prácticos sobre como actuar e un directorio de lugares onde pedir axuda

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe unha nova aplicación móbil que ten como obxectivo loitar contra as agresións sexuais. A ferramenta, a primeira destas características dunha comunidade autónoma, elaborouse en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia.

Durante o acto, no que tamén participaron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia, Fernando Suárez, informouse de que a aplicación xa se pode descargar hoxe para os sistemas operativos Android e nos próximos días para iOS.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Na mesma incluirase un decálogo contra a violencia sexual, consellos prácticos de como actuar ante posibles situacións de riscos e un directorio de lugares onde acudir a pedir axuda, así como teléfonos de información.

Nas seguintes versións da aplicación incorporaranse novas funcionalidades como a posibilidade de compartir a xeolocalización con calquera dos contactos que teña o usuario para que estes poidan saber o percorrido que se está realizando.

Con esta nova ferramenta, a Xunta dá un paso máis na súa loita contra as agresións sexuais. Neste sentido, cómpre recordar que a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero xa incluía a violencia sexual, os abusos e o acoso como formas de violencia de xénero.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Ademais, Galicia tamén foi pioneira en poñer en marcha unha campaña para loitar contra o acoso sexual no ámbito laboral, á que se suman outras iniciativas como as xornadas sobre violencia sexual organizadas nos campus universitarios galegos ou as accións que se están levando a cabo nos festivais englobados baixo a marca Fest Galicia para loitar contra o acoso neste tipo de eventos. Ademais, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), tamén se están levando a cabo accións similares nas festas populares.

Deixa unha resposta