Upta Galicia participa na constitución da Mesa do Autónomo galega

Upta Galicia, representada polo seu secretario xeral, Lisardo Domínguez, e a súa directora do departamento xurídico, María Jesús González, participou o pasado 23 de novembro na constitución da Mesa do Autónomo para Galicia. A esta Mesa, inaugurada pola conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asistiron o director xeral de Promoción de Emprego, Andrés Hermida, a directora xeral de Formación e Colocación, Ana Díaz, o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Joaquín Varela de Limia e o director de área de emprendedores de BIC Galicia , Enrique Vila, estes dous últimos, pertencentes á Consellería de Economía e Industria.

Lisardo Domínguez, secretario xeral de Upta Galicia, na súa quenda de palabra, agradeceu por unha banda, aos representantes da Consellería de Traballo por ser puntuais no seu compromiso cos autónomos na constitución da Mesa do Autónomo, e por outra banda, felicitou ao resto de organizacións de autónomos pola súa presenza, mesmo ás que criticaron ou estiveron en contra do Estatuto do Autónomo no seu momento de creación.

Nesta primeira reunión constitutiva da Mesa do Autónomo marcouse un cronograma de desenvolvemento da Lei do Estatuto do Autónomo a nivel autonómico e púxose sobre a mesa o recente decreto co que se creou o rexistro de asociacións profesionais de traballadores autónomos.

Entre os puntos a desenvolver no futuro destacan a determinación dos criterios de representatividade das asociacións galegas de profesionais e traballadores autónomos e do comité técnico de valoración correspondente e a creación do Consello Galego do Traballo Autónomo, que actuará como órgano consultivo en todo o relacionado co traballo autónomo en Galicia.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO
PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Neste sentido, as asociacións de autónomos máis representativas participantes nesta primeira reunión, entre as que se atopaba Upta Galicia, comprometéronse coa administración galega para facer chegar o máis brevemente posible as súas propostas sobre os criterios para a acreditación para a representatividade das asociacións, así como a correspondente proposta de composición do futuro Consello Galego do Traballo Autónomo. Estes dous alicerces esenciais no desenvolvemento lexislativo do Estatuto do Autónomo en Galicia serán os que formen parte da orde do día nas próximas reunións desta recentemente creada Mesa do Autónomo en Galicia.

Deixa unha resposta