UPTA Galicia renova o seu compromiso no fomento do autoemprego entre a poboación inmigrante da Coruña

O secretario xeral da Unión de Profesionais e Autónomos de Galicia, Lisardo Domínguez, e o subdelegado do goberno na Coruña, José Manuel Pose Mesura, mantiveron unha reunión para analizar a atención a traballadores inmigrantes que queren establecerse como autónomos. Ademais de renovar o seu compromiso no asesoramento e axuda a este colectivo, Domínguez e Pose abriron novas vías de colaboración para realizar xornadas informativas para traballadores autónomos en toda a provincia.
UPTA, como unha das organizacións más representativas dos autónomos tanto a nivel autonómico como estatal, ten un convenio co Ministerio de Traballo e Inmigración polo que emite informes de validación por medio dos que se acredita o cumprimento dos requisitos legais das persoas inmigrantes que queren darse de alta como autónomos. Estes informes son incorporados aos expedientes de autorización de residencia temporal e traballo por conta propia.
Lisardo Domínguez explicou ao subdelegado que para UPTA Galicia é indispensable que alguén facilite aos inmigrantes os trámites para establecerse por conta propia xa que ás complicacións que todos temos para empezar un negocio súmanse outros “obstáculos legais”. “É por isto que nos propoñemos facilitarlles o camiño cunha atención especializada e emitindo informes rigorosos”, indicou.
José Manuel Pose tamén se referiu a estas dificultades e agradeceu o “gran traballo” que está a realizar UPTA “facilitando a incorporación dos inmigrantes ao mercado laboral con responsabilidade e rigor”. Para o subdelegado do goberno a situación económica que vivimos é se cabe máis complicada para os traballadores inmigrantes polo que é indispensable o labor de UPTA “colaborando activamente coas autoridades laborais, como amosa este convenio co Ministerio de Traballo e Inmigración”.
Lisardo Domínguez mantivo tamén unha xuntanza cos responsables do departamento de atención a persoas estranxeiras da Subdelegación do Goberno. Nesta reunión, as dúas partes explicaron as súas funcións na atención aos inmigrantes que queren emprender un negocio e estudaron as posibles colaboracións. De cara ao futuro, establecerase unha comunicación fluída entre as dúas entidades, con asesoramento e axuda de xeito recíproco e a colaboración para a realización de estatísticas e informes.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Novos servizos aos autónomos coruñeses
O secretario xeral de UPTA Galicia agradeceu ao subdelegado do goberno a boa disposición para a colaboración á vez que lle explicou que a organización dá atención aos autónomos coruñeses a través da súa sede central en Santiago de Compostela e dos locais que UGT lle cede en toda a provincia. Lisardo Domínguez anunciou ademais a próxima apertura dunha nova delegación na capital herculina que incrementará a atención que ata o momento se brinda na sede de UGT (Rúa Fernández Latorre, 27).
A atención nas oficinas complementarase nos próximos meses cunha campaña informativa que levará aos representantes de UPTA Galicia a todas as comarcas da provincia coruñesa. Nesta campaña, realizaranse xornadas e reunións para informar aos autónomos sobre subvencións e axudas, acceso a financiamento a través dos créditos ICO Directo, medidas de promoción do autoemprego e novidades lexislativas no marco do Estatuto do Traballo Autónomo como a prestación por cese de actividade.
José Manuel Pose amosou a súa satisfacción porque UPTA amplíe os seus servizos na Coruña non soamente tendo en conta que son 90.000 os autónomos da provincia senón tamén porque “a opción do emprego autónomo debe ser unha solución ás altas taxas de paro”.
O subdelegado lembrou a aposta do goberno do estado polos traballadores autónomos que se materializou nos últimos anos con importantes melloras nos seus dereitos, fundamentalmente a través da aprobación do Estatuto do Traballo Autónomo. Grazas á existencia deste regulamente, é posible que, por exemplo, estea a piques de aprobarse a Lei para que os autónomos perciban unha prestación tras o cese de actividade.
“Os autónomos están afrontando a crise co tesón e coa fortaleza que caracterizan a este colectivo”, indicou José Manuel Pose, que considera que determinados sectores nos que os predomina o traballo autónomo “deben afrontar reformas estruturais e de negocio que os fortalecerán de cara ao futuro”

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Deixa unha resposta