UPTA participa no Encontro co Viño de Autor de Meaño coa presentación dun proxecto feito coas bodegas artesás

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2010.
A Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Galicia participou na XIII edición do Encontro co Viño de Autor de Meaño (Pontevedra) coa presentación do proxecto Vinarte e cunha conferencia sobre comercio electrónico. Foi na Casa da Cultura de Meaño. Ademais, UPTA Galicia esestivo presente cun stand para informar e asesorar aos traballadores autónomos do sector do viño.
O xa tradicional Encontro co Viño de Autor de Meaño está organizado pola Asociación de Bodegas Artesás. Na feira, déronse cita once adegas da comarca do Salnés que se caracterizan por unha elaboración artesanal e tradicional de viño de denominación de orixe Rías Baixas.
UPTA Galicia aproveita este evento para realizar a presentación pública de Vinarte, un proxecto realizado por iniciativa da organización coas Asociacións de Bodegas Artesás e co financiamento do IGAPE. O proxecto consistiu na creación dunha identidade visual para este conxunto de bodegas, asesorando aos seus propietarios en materia de imaxe corporativa. Presentan o proxecto Lisardo Domínguez, secretario xeral de UPTA Galicia; Juan Carlos Suárez, técnico de UPTA, especialista en Enoloxía e Viticultura, colaborador da Asociación e xerente da empresa de enxeñaría técnica agrícola Eira; e Jorge Largo, director de Desenvolvemento de Negocios de Daimon Consulting, empresa colaboradora de UPTA Galicia.
A continuación, Santiago Paz Noya, da empresa Dos Espacios Internet Consulting, impartiu unha conferencia sobre comercio electrónico aplicado ao sector do viño. A charla serviu para explicar, dun xeito claro e sen tecnicismos, os pasos a dar para iniciar un negocio na rede. A explicación inclúe diferentes aspectos, como a importancia de xerar confianza no comprador, a seguridade nos pagos, a loxística ou o marketing.
Santiago Paz Noya, nunha análise do estado do comercio a través de Internet, apunta que o problema deste sector non está na falta de demanda, senón “nas carencias da oferta”. Paz Noya achega dous datos que evidencian esta realidade: cada vez hai máis internautas que procuran a través de buscadores información para mercar produtos na rede e, ademais, aumentan as importacións de produtos comprados por Internet a empresas non estatais.
Levado ao terreo do sector do viño en Galicia, Santiago Paz Noya considera que existe un amplo mercado sempre e cando “as iniciativas empresariais se baseen en boas ideas”. Explica que o viño non soamente é un produto fácil de comercializar, que pode venderse por unidade de botellas ou por caixas, senón que ademais é axeitado para crear sinerxias. “O ideal sería establecer colaboracións, sinerxias con outros produtos, é dicir, vender viño e algún produto alimenticio, como o marisco ou as conservas”, indica.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

A calidade do viño
Francisco Dovalo, presidente da Asociación de Bodegas Artesás, asegura que a calidade do viño deste encontro está “garantida” polas características da súa elaboración. “Nós elaboramos o viño, non o fabricamos”, explica. Isto repercute no resultado: “O noso viño é totalmente distinto, elaborámolo con uvas autóctonas e levaduras naturais da propia uva”. “Por iso somos autores e non fabricantes”, indica Francisco Dovalo.
“Da unión sae a forza”
Pola súa banda, Lisardo Domínguez, secretario xeral de UPTA Galicia, subliñou a importancia de que os traballadores autónomos do sector do viño, conten co apoio dunha organización como UPTA, volcada na defensa dos autónomos, que os asesore en aspectos fundamentais para a comercialización como o aproveitamento das novas tecnoloxías e a identidade corporativa.
Lisardo Domínguez explica que a realidade é que as pequenas bodegas non poden facer fronte aos custos de crear unha imaxe, de emprender un negocio en Internet ou de lanzar unha campaña publicitaria coma as que si poden facer as grandes bodegas industriais. “Agrupándonos e colaborando, os traballadores autónomos podemos engadir valor aos nosos negocios e abaratar custos. Da unión sae a forza”, sentencia o secretario xeral de UPTA Galicia.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Deixa unha resposta