Vázquez Portomeñe amosa a súa confianza en UPTA Galicia na atención aos autónomos inmigrantes de Lugo

O secretario xeral da Unión de Profesionais e Autónomos de Galicia, Lisardo Domínguez, e o subdelegado do goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, renovaron o compromiso das dúas partes para manter a colaboración na atención ás persoas inmigrantes que queren exercer unha actividade profesional por conta propia. O subdelegado amosou a súa confianza no traballo

O secretario xeral da Unión de Profesionais e Autónomos de Galicia, Lisardo Domínguez, e o subdelegado do goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, renovaron o compromiso das dúas partes para manter a colaboración na atención ás persoas inmigrantes que queren exercer unha actividade profesional por conta propia. O subdelegado amosou a súa confianza no traballo realizado por UPTA e agradeceu os servizos que a organización brinda aos cidadáns.
A conversa mantida serviu tamén para informar ao subdelegado do goberno do novo enderezo de UPTA Galicia en Lugo (Praza da Bretaña, 22), explicar o traballo que a organización está a realizar na provincia e cales son as demandas dos traballadores autónomos lucenses. Lisardo Domínguez agradeceu a boa disposición da subdelegación do goberno de Lugo para a colaboración e o seu interese na mellora das condicións do colectivo ao que UPTA representa.
A través dun convenio de colaboración co Ministerio de Traballo e Inmigración, UPTA emite informes de validación por medio dos que se acredita o cumprimento dos requisitos legais establecidos na Lei Orgánica 4/2000, de 11 de xaneiro, de dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social. Estes informes son incorporados aos expedientes de autorización de residencia temporal e traballo por conta propia.
Lisardo Domínguez explicou que o labor de UPTA Galicia é “facilitar” que inmigrantes en situación de desemprego ou que xa están a traballar por conta propia pero sen figurar de alta como autónomos poidan normalizar a súa situación. “Se para calquera de nós é complexo iniciar unha actividade como autónomo, para os inmigrantes se multiplican os obstáculos, por iso deben contar cunha atención especial”, indica Lisardo Domínguez, que ademais destacou o feito de que a oficina de UPTA en Lugo se atope na praza da Bretaña, a escasos metros da Oficina de Inmigración, na rúa Río Neira.
Pola súa banda, José Vázquez Portomeñe subliñou a importancia do traballo que está a facer UPTA Galicia ao colaborar coa Oficina de Inmigración de Lugo. Para o subdelegado do goberno, é fundamental que exista “un apoio técnico para persoas que por motivos educativos, culturais ou económicos” teñan máis dificultades para traballar por conta propia. “É un servizo importante para que as persoas inmigrantes accedan aos seus dereitos”, engadiu.
Ademais de agradecer que realice este traballo especializado de xeito gratuíto, o subdelegado do goberno destacou a confianza nos estudos de viabilidade realizados por UPTA Galicia xa que se trata “dunha organización de recoñecido prestixio que merece toda a credibilidade e fiabilidade pola nosa parte, tanto a nivel nacional como autonómico”.

Adaptación e resistencia
Vázquez Portomeñe quixo resaltar a “capacidade de adaptación ao mercado” dos emprendedores e autónomos, o que lles fai “resistir a pesar da crise económica que estamos padecendo a nivel global”. O subdelegado do goberno referiuse ás “fórmulas flexibles” dos autónomos para asegurar a subsistencia a medio prazo aínda que supoñan “sacrificarse no curto prazo, obter menos beneficios e perder capacidade adquisitiva”.
Por último, Vázquez Portomeñe ofreceu a colaboración da subdelegación do goberno en Lugo para as actividades de asesoramento e información que UPTA Galicia realice na provincia. En concreto, Lisardo Domínguez explicou ao subdelegado que se realizarán unha serie de xornadas e reunións en todas as comarcas lucenses para informar aos autónomos sobre subvencións e axudas, acceso a financiamento a través dos créditos ICO Directo, medidas de promoción do autoemprego e novidades lexislativas no marco do Estatuto do Traballo Autónomo como a prestación por cese de actividade.

Autor

Xornal Galego
ADMINISTRATOR
PROFILE

Posts Carousel

Leave a Comment

You must be logged in to post a comment.

Autor