Xavier Ferreira, novo xerente da Universidade de Santiago

Xavier Ferreira, novo xerente da Universidade de Santiago

Actualizada: 22-06-2018 14:30

O reitor Antonio López informou esta mañá na xuntanza do Consello de Goberno do recente nomeamento como xerente da Universidade de Santiago de Xavier Ferreira, profesor da área de Dereito Administrativo do departamento de Dereito Público e Teoría do Estado.

Xavier Ferreira é licenciado en Dereito pola USC e doutor pola mesma Universidade no ano 1996. Profesor titular de Dereito Administrativo desde 1999 e acreditado como catedrático desde 2015, na USC desempeñou os cargos de secretario do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado (1994 – 1997); secretario da Escola Universitaria de Relacións Laborais (1997-1999), director do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado (1999-2005) e director da Escola de Relacións Laborais (2005-2007). Coordinou ademais o programa de doutoramento do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado e do Máster Universitario en Administracións e Institución Públicas.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Ampliou estudos nas Universidades de Boloña, Birminghan e na Escola Catalá de Administración Pública. Como investigador, asinou máis dun centenar de contratos de colaboración con administracións públicas e particulares. No marco destes contratos, asesorou e asesora a diversas Administracións Locais (Ames, Ribeira, Fene, Ferrol, Betanzos, Ares, Pontedeume, Porriño, Xinzo, Ribadeo, Carballo, Teo, Brión, Tomiño, Tui, Mos, Vilagarcía, Carballiño, Nigrán, Vilalba, Fisterra, Bergondo, Deputacións de A Coruña e Ourense, entre outras), principalmente en materia de xestión dos seus recursos humanos e contratación administrativa. É tamén asesor do Consello da Cultura Galega.

Autor de numerosas monografías, publicou máis de cincuenta capítulos de libros e artigos sobre o réxime local, o dereito turístico, a función pública ou a contratación pública. Así mesmo, é autor de diversos informes e ditames para as administración públicas e redactor de diversos proxectos de leis (Lei de Turismo de Galicia, Lei de Violencia de Xénero, Texto Refundido de Función Pública ou Lei da Área metropolitana de Vigo, entre outras).

Foi secretario xeral da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar na Xunta de Galicia entre 2007 e 2009 e membro por designación parlamentaria, durante 10 anos, da Xunta Electoral de Galicia.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

A súa actividade docente desenvolveuse ao longo de 25 anos nas Universidades de Santiago de Compostela, do Minho e en diversas Universidades italianas (Cagliari, Roma Tre), á vez que foi profesor no Instituto Nacional de Administración Pública e na Escola Galega de Administración Pública, centros nos que se integrou de forma regular no seu cadro docente. Así mesmo, foi coordinador durante catro anos da actividade formativa do Persoal da Administración e Servizos da Universidade de Santiago de Compostela e impartiu máis de 100 cursos de formación de empregados públicos.

Deixa unha resposta