A Deputación de Lugo aproba 5,1 millóns de euros para 71 quilómetros de estradas provinciais

A Deputación de Lugo aproba unha nova inxección económica na provincia superior aos 5,1 millóns de euros

Entre outras accións están contratadas as mellora de 71 quilómetros de estradas provinciais en 14 Concellos

|Deputación de Lugo

O Executivo da Deputación aprobou este venres en Xunta de Goberno unha nova inxección económica na provincia superior aos 5,1 millóns de euros. Desta cantidade, 900.000 euros son para a construción dun centro de día e 13 apartamentos tutelados en Portomarín; 3,9 millóns para a mellora de 71 quilómetros de 27 estradas ao seu paso por 14 Concellos; e 360.700 euros para a roza de vías provinciais noutros 28 municipios.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

O Presidente, Darío Campos Conde, levou á Xunta de Goberno o convenio que impulsou para construción en Portomarín dun centro de día para 28 persoas e 13 pisos tutelados para outras 26 persoas que poderán dar servizo, polo tanto, a 54 maiores da provincia.

Fíxoo tras rematar co proxecto básico destas instalacións sociais, que contempla a realización dun edificio de case 2.200 metros cadrados con 4 plantas: o soto para un garaxe; unha planta baixa, na que se situará o centro de día, o comedor social ou servizos comúns como o de lavandería, zona de vixilancia, control, administración…, ademais de 1 apartamento; a 1ª planta, con 8 apartamentos; e a 2ª segunda planta, con outros 4 apartamentos.

Os 13 apartamentos contan cunha superficie de entre 55 e 63 metros cadrados cada un e dispoñen de zona de cociña, comedor e sala de estar, unha habitación dobre e un baño adaptado.

O convenio recolle que o Concello deberá pór a disposición os terreos que considera para construción desta dotación social, conceder a licencia de obra e colaborar co financiamento desta obras cunha axuda de 200.000 euros no 2019.

Mellora de estradas

Campos Conde levou á sesión a contratación de obras por valor de 3,9 millóns, que permitirán o arranxo de 71 quilómetros de 27 estradas que discorren polos seguintes 14 Concellos: Riotorto, Foz, Ribadeo, Cervo, A Pobra do Brollón, Taboada, Ribas de Sil, Quiroga, Pantón, O Saviñao, A Pastoriza, Friol, Barreiros e Láncara.

Roza de vías en 28 municipios

Tamén se contrataron con 360.700 euros os traballos de roza e desbroce das estradas provinciais que discorren por 28 Concellos: Burela, Cervo, Foz, O Valadouro, Alfoz, Muras, Xermade, Vilalba, Castro de Rei, Pol, Meira, Friol, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, Palas de Rei, Páramo, Paradela, Sarria, O Incio, Triacastela, Samos, Taboada, O Saviñao, Chantada, Carballedo, Pantón e Sober.

7,3 millóns no que vai de mes

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Coas actuacións de hoxe, o Executivo da Deputación leva aprobadas nas tres Xuntas de Goberno de xuño actuacións de 7,3 millóns de euros no conxunto do territorio lugués.

Deixa unha resposta