A Sociedade Española de Cardioloxía certifica como excelente ao Servizo de Cardioloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti

A Sociedade Española de Cardioloxía certifica como excelente ao Servizo de Cardioloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti no manexo da síndrome coronaria aguda

20 06 2018

O Servizo de Cardioloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo vén de ser certificado pola Sociedad Española de Cardiología (SEC) como un servizo excelente no manexo da síndrome coronaria sen elevación do ST. O Servizo de Cardioloxía do HULA, que dirixe Carlos González Juanatey, convértese así nun dos catro primeiros de España en ser certificado como “Unidad Excelente en el manejo del proceso síndrome coronario sin elevación del ST”.  Neste momento, hai outros dezaseis hospitais completando o proceso para obter ese importante recoñecemento.
A concesión desta certificación de excelencia foi dada a coñecer hoxe polo xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte, Ramón Ares Rico; polo xefe do Servizo de Cardioloxía do HULA, Carlos González Juanatey, e polo presidente da Sociedad Española de Cardiología, o doutor Manuel Anguita Sánchez, que se desprazou a Lugo para dar a coñecer esta distinción e ofrecer unha sesión clínica na que falou dos proxectos estratéxicos da Sociedad Española de Cardiología.
Durante a presentación, que tivo lugar no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Augusti, o doutor Anguita Sánchez fixo entrega ao Servizo de Cardioloxía da acreditación como unidade excelente no manexo da síndrome coronaria sen elevación de ST, alineada na acción estratéxica do mellora dos procesos asistenciais en cardioloxía.
Este logro asistencial certifica e pon de manifesto o compromiso, a dedicación, a eficiencia e a coordinación multidisciplinar dos servizos de Cardioloxía, Urxencias e Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Universitario Lucus Augusti, implicados conxuntamente na asistencia e manexo clínico de pacientes con síndrome coronaria aguda sen elevación de ST que chegan a este centro hospitalario.
A concesión desta certificación de calidade enmárcase no programa SEC-EXCELENTE, e inscríbese dentro do proxecto SEC-CALIDAD, da Sociedad Española de Cardiología (SEC). Dito proxecto ten o obxectivo de integrar as actividades e programas de mellora da calidade impulsados pola SEC e baséase na comparación con estándares, en auditorías para mellorar e finalmente, a concesión da acreditación de procesos asistenciais en patoloxía cardiovascular e unidades asistenciais de cardioloxía que superan as auditorías de calidade.

O  Comité de Calidade da SEC elaborou un catálogo de procesos e procedementos de interés prioritario. Para cada un deles constituíronse grupos de traballo que analizaron a evidencia científica, establecendo os estándares de calidade vinculados a cada un dos procesos.

Un dos procesos acreditados pola SEC é o SCASEST (síndrome coronaria aguda sen elevación do ST). Para levar a cabo SEC-EXCELENTE SCASEST realizáronse as seguintes accións:
• Elaboración do estándar de atención.
• Establecemento dun procedemento de acreditación do proceso.
• Desenvolvemento dun proceso de auditoría que permita a acreditación e proposta de accións de mellora.

Superados con éxito todos os pasos, o Servizo de Cardioloxía do HULA foi acreditado como excelente no tratamento da síndrome coronaria aguda, xunto con outros tres hospitais españois.
En España prodúcense aproximadamente 120.000 casos de Síndrome Coronaria Aguda ao ano, dos que se hospitalizan uns 50.000 con diagnóstico de SCASEST.
Un servizo de última xeración
O Servizo de Cardioloxía do HULA experimentou nos últimos anos un importantísimo proceso de crecemento, modernización, tecnificación e reorganización asistencial que lle permite ofrecer aos lucenses os maiores niveis de calidade na atención cardiolóxica. O incremento da súa carteira de servizos, o aumento da complexidade dos procesos que nel se atenden, a súa gran capacidade diagnóstica e terapéutica, xunto coa posta en marcha da Unidade de Hemodinámica, permitiron mellorar aínda máis a excelente asistencia sanitaria que presta este servizo a todos os lucenses.
O Servizo de Cardioloxía do HULA está formado por 17 cardiólogos, 35 enfermeiros, 18 auxiliares de enfermería, 3 celadores e 3 auxiliares administrativos. Dispón de 30 camas de hospitalización, a metade delas telemetradas, e rexistra unha media de 1.400 ingresos hospitalarios anuais.

Conta tamén cunha Unidade de Hemodinámica e Cardioloxía Intervencionista moi avanzada, cunha Unidade de Electrofisioloxía, cunha Unidade de Coidados Intermedios, con Consultas de Alta Resolución, con consulta telefónica para todos os centros de saúde da área centro da provincia e con teleconsulta con atención primaria para a resolución de consultas non presenciais. Tamén ofrece unha Unidade de Insuficiencia Cardíaca, coordinada co Servizo de Medicina Interna e con Atención Primaria para o seguemento de todos os pacientes con Insuficiencia Cardíaca da área sanitaria.

Así mesmo, a primeira Unidade de Rehabilitación Cardíaca dos hospitais do Sergas en Galicia foi posta en marcha polo Servizo de Cardioloxía do HULA en 2015 (na actualidade, só os hospitais de Vigo e Santiago de Compostela dispoñen dunha unidade deste tipo).

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO
O Servizo ten tamén unha Unidade de Cardiopatías Familiares, donde son estudiados os pacientes con patoloxías cardiovasculares de base xenética e as súas familias. A consulta conta con ecocardiógrafo e tests xenéticos diagnósticos.
A Unidade de Imaxe Cardíaca conta con cinco ecocardiógrafos de última generación e foi a primeira de Galicia en contar cun laboratorio de imaxe cardíaca dixital, xunto cos hospitais de Coruña e Vigo. Ademais, dispón de ecocardiografía tridimensional e dun programa de ecocardiografía de estrés e eco transesofágico. Nesta unidade realízanse máis de 8.000 ecocardiogramas anuais.

Desde o ano 2011 o Servizo de Cardioloxía asume gardas de presenza física as 24 horas do día (en Galicia, só os hospitais de Santiago, Vigo e Pontevedra dispoñen de gardas de presenza física de 24 horas).  A súa posta en marcha supuxo unha redución da mortalidade por Infarto Agudo de Miocardio nun 50%, ao aumentar a taxa de reperfusión destes pacientes a un 90%.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Así pois, a evolución do Servizo de Cardioloxía foi espectacular nos últimos anos, feito que queda plasmado na concesión dunha acreditación de excelencia no tratamento da síndrome coronaria aguda.

Deixa unha resposta