A visita do Xacobeo Galicia levantou unha enorme expectación no I.E.S. Val do Tea

[ 03/02/2009 ] Os ciclistas do Xacobeo Galicia Ezequiel Mosquera e Iván Raña, acompañados polo manager da formación galega, Álvaro Pino, estiveron esta mañá no Instituto Val do Tea, dentro do programa de actos cos que o centro de ensino de Ponteareas (Pontevedra) conmemora o seu vinte e cinco aniversario. A visita do equipo ciclista profesional galego levantou unha gran expectación entre os case seiscentos alumnos do instituto.

Fotos da visita ao IES Val do Tea
Firma de autógrafos
Firma de autógrafos

Desde primeira hora da mañá, os estudantes, repartidos por cursos, foron visitando o camión e o autobús do equipo, mentres atendían ás explicacións que lles daban José M. Alonso Condesa, masaxista do Xacobeo Galicia; e o ex ciclista profesional Jesús R. Carballido, director da escola de ciclismo do Club Ciclista Ponteareas-Expert.

A partir das once da mañá, Álvaro Pino, Ezequiel Mosquera e Iván Raña mantiveron no salón de actos do instituto unha charla coloquio cuns douscentos alumnos do centro. O acto estivo moderado por Terio Carrera, xefe de deportes da Radio Galega.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Nesta reunión Ezequiel Mosquera confesou encontrarse ilusionado coa oportunidade que se lle abre ao equipo de poder disputar o Giro, a carreira “máis espectacular do mundo neste momento. O Tour goza de máis repercusión internacional, pero a intensidade coa que se vive en Italia o Giro non se dá en ningunha outra carreira”, sinalou o ciclista de Teo. Tanto el como Álvaro Pino coincidiron en sinalar que a montaña da rolda transalpina ofrece “máis dureza ca do Tour”.

Sobre a posibilidade de que Iván Raña sexa incluído na formación do Xacobeo Galicia que dispute o Giro de Italia, Álvaro Pino sinalou que iso vai depender da adaptación que o triatleta mostre “neste inicio de tempada ao ciclismo”. O propio interesado, por un lado, declarou sentirse atraído pola carreira, pero por outro non deixaba de recoñecer que podía resultar un pouco precipitado, “sendo, como se comentou aquí, unha carreira tan esixente”.

Aínda que por falta de traballo non vai quedar a cousa. O ex campión do mundo de tríatlon acudiu ao coloquio procedente do Barco de Valdeorras (Ourense), onde estivera uns días buscando “portos longos para os seus adestramentos”, porque cada día está máis centrado no ciclismo. “No tríatlon penso na opción da Olimpíada de Londres, pero actualmente quero aproveitar esta oportunidade que se me presentou no ciclismo”, comentou Raña.

Para iso ten que ir adaptando tamén o seu organismo á nova disciplina: “O cardiólogo díxome nunha revisión recente que non tiña corazón de ciclista, que as paredes eran máis grosas e que non estaba tan dilatado, xa que veño dunha actividade que esixe un ritmo de competición máis alto e durante menos tempo”, explicou.

A todo isto, Iván Raña facía gala de seu espontaneidade habitual. “¡Non, oooh!”, respondía á pregunta de se algunha vez se lle pasara pola cabeza dedicarse á natación en plan profesional, para despois matizar a resposta; e a pregunta de cal fora a actuación que lle proporcionara máis satisfacción, a parte do Campionato do Mundo conquistado en Cancún no 2002, mencionou unha proba da Copa do Mundo no 1999, na que se clasificara segundo, e engadiu: “Estaba empezando na máxima categoría e non gañaba para gastos, pero eu dicía que era profesional”.

O triunfo de Álvaro Pino na Volta a España é un acontecemento que, ademais de estar nos anais do ciclismo, na súa Ponteareas natal transmítese de xeración en xeración. Por iso os alumnos do centro quixeron saber, da propia voz do protagonista, como vivira aquel acontecemento acontecido fai case vinte e tres anos, cando ningún deles nacera.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Finalmente os tres protagonistas de la charla sometéronse a unha longa sesión de fotos e de firma de autógrafos.