A Xunta contrata 25 persoas desempregadas en 13 concellos da área territorial de Vigo

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver o programa Aprol Rural que inviste preto de 307.000 nos concellos dependentes da área de Vigo

Nesta convocatoria, que supón un 23% máis de investimento e un 26,8% máis de contratacións que no 2017, Mos se beneficia como único Concello Emprendedor

Incluído no Programa de formación e emprendemento no rural, esta medida procura mellorar as oportunidades laborais e fixar habitantes nas zonas menos poboadas

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, informa que a Xunta apoiará este ano a contratación de 44 socorristas en municipios da área

Vigo, 28 de maio de 2018

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

A Consellería de Economía, Emprego e Industria acaba de resolver a convocatoria do programa Aprol Rural para este ano 2018, da que se beneficiarán 25 persoas desempregadas de 13 concellos dependentes da área territorial de Vigo.

O obxectivo do Goberno galego, segundo subliñou o delegado da Xunta, Ignacio López Chaves, é impulsar o emprego no eido rural para incentivar a contratación de desempregados, durante 9 meses a tempo completo, para que realicen tarefas de silvicultura, biomasa ou limpeza de montes. Da dotación total deste programa, segundo dixo, investiranse 307.000 euros nos municipios de Salvaterra do Miño, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Nigrán, Mos, Cangas,, Gondomar, Soutomaior, Salceda de Caselas, Redondela, Moaña, O Porriño e Baiona.

O representante autonómico, aproveitou para resaltar o incremento nun 23% do orzamento destinado a este programa respecto ao pasado exercicio, posto que facilita a contratación dun 26,8% máis de desempregados que contarán cunha oportunidade para acceder ao mercado laboral. Ademais, apuntou que este ano o número de concellos galegos que se benefician deste programa medra un 15,5%, pasando dos 219 da edición anterior aos 253 desta convocatoria.

En canto as principais novidades, subliñou que os contratos teñen que estar relacionados coa valorización do sector forestal, ao tempo que se priorizan nestes apoios aos Concellos Emprendedores. É dicir, tiveron prioridade no Aprol Rural as administracións locais que se adheriron ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para fortalecer a captación de investimento en Galicia, un acordo enmarcado dentro da nova Lei de implantación empresarial.

Ningún Concello Emprendedor que solicitou a axuda quedou sen ela e, de media, recibiron ao redor de 22.000 euros máis que o resto de concellos beneficiarios (o dobre de axudas) e dous traballadores máis que o resto de municipios. Este é o caso de Mos, único da área.

En global, o Goberno galego priorizará este ano máis de 80 millóns de euros para os Concellos Emprendedores a través de diferentes convocatorias de obradoiros e programas integrados de emprego, Aprol Rural e contratación de axentes locais de emprego; parques empresariais, viveiros industriais e biomasa; e apoios aos mercados excelentes e espazos activos de emprendemento.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Aprol Rural, financiará o equivalente á totalidade dos custos salariais nos contratos, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social segundo estea marcado no convenio colectivo vixente no momento no que o Concello formulou a súa solicitude.

Esta liña de axudas forma parte do Plan de formación e emprendemento no rural que o departamento de Economía, Emprego e Industria activou por primeira vez o pasado ano con 30 millóns de euros para mellorar as oportunidades laborais do rural e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas de Galicia, ao tempo que se fixa poboación.

Contratación de socorristas

Por outra banda, López-Chaves informou que a Xunta apoiará este ano a contratación de 44 socorristas en municipios da área. Así, o Goberno galego financiará con máis de 129.300 euros a contratación destes profesionais para velar pola seguridade dos bañistas en praias e piscinas.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Oito son os concellos da área que se beneficiaron destas axudas, en concreto: Pazos de Borbén, Salvaterra do Miño, Fornelos de Montes Cangas, Moaña, Redondela, Mos e a Comunidade de concellos do Val Miñor.