Abanca porá en marcha unha nova edición de apoio a empresas emerxentes

A Coruña,  (EFE).- Abanca porá en marcha unha nova edición de apoio a empresas emerxentes (start ups) tecnolóxicas galegas co Programa de Aceleración Abanca Innova ao que, na pasada convocatoria, destinou un millón de euros.
O conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas asegurou hoxe que o compromiso coa contorna “é radical” e que o talento galego pode triunfar co apoio financeiro de entidades “que cremos no noso territorio”.
Francisco Botas presentou hoxe na Coruña a segunda edición do Programa de Aceleración Abanca Innnova dirixido fundamentalmlente a start ups que operan no segmento insurtech: compañías que ofrezan solucións tecnolóxicas innovadoras para o mercado asegurador.

Outro dos segmentos contemplados son o fintech, o regtech así como tecnoloxías como o bokchain ou o big data.
A través deste programa, Abanca Innova ofrece ás start- ups participantes apoio á xestión de recursos económicos e materiais para madurar e desenvolver o seu proxecto de emprendimiento.
A entidade pon á súa disposición diversas accións de formación e mentoring para axudar á compañía a deseñar o seu modelo de negocio e axustar o seu produto ás necesidades do mercado; ademais ofrécelles o financiamento necesario a través da concesión de préstamos participativos e a posibilidade de recibir investimento directo en capital.
Outros beneficios que o programa proporciona ás start- ups son a utilización de espazos de coworking nas instalacións de Abanca Innova ou o uso de Amazon Web Services.
No que respecta á convocatoria para a presentación de candidaturas abrirase o 25 de xullo e pecharase o 14 de setembro.

O 20 de setembro, tal e como explicou o conselleiro delegado da entidade realizarase unha primeira selección entre as propostas recibidas para elixir as que participarán no Programa de Aceleración.
As start- ups que resulten elixidas afrontarán unha primeira fase de tres meses, enfocada ao deseño e validación do seu modelo de negocio.

A finais de decembro realizarase outra selección entre as start- ups, da que sairán as que pasarán á seguinte fase, tamén de tres meses de duración e estará centrada na experimentación en mercado.
Tras ela terá lugar unha presentación pública dos proxectos; o proceso de aceleración entrará entón na súa última fase, que se estenderá durante seis meses e estará centrada no seguimento e proba de concepto.
Durante a súa comparecencia de hoxe antes os medios, Francisco Botas fixo balance da primeira edición do Programa de Aceleración que recibiu 35 candidaturas de proxectos empresariais de base tecnolóxica orientados aos sectores fintech, insurtech e regtech.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO
PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Tras superar a fase de selección, o cinco mellores iniciaron un proceso de acompañamento de cinco meses deseñado por Abanca Innova co obxectivo de axudarlles a construír o seu proxecto.
Este proceso articulouse a través de máis de 60 accións de diferentes tipos: pílulas informativas, mentorización, estratexia, networking e participación en eventos.
As start- ups participantes tiveron á súa disposición un equipo de 16 mentores con experiencia en diferentes campos relacionados coa tecnoloxía, o emprendimiento e a xestión do negocio.
Ademais de formación, asesoramento e infraestrutura, cinco proxectos participantes recibiron financiamento a través de préstamos participativos; deles, Senseitrade, recibiu un investimento directo de Abanca.
Senseitrade é unha compañía galega de análise de redes sociais e internet para detectar tendencias en bolsa e a súa app suma xa 15.000 descargas.
O Programa de Aceleración é unha das actividades máis destacadas de Abanca Innova, un centro de actividade multipolar lanzado pola entidade en 2017 cunha dotación de 10 millóns de euros para fomentar o desenvolvemento da innovación e a tecnoloxía en Galicia.
Na súa intervención Francisco Botas explicou as bases dunha iniciativa que figura entre as máis importantes lanzadas polo banco no campo da innovación: o compromiso coa contorna, a colaboración co tecido empresarial e emprendedor, a actitude innovadora e a aplicación da tecnoloxía á actividade financeira.
Ademais do programa de aceleración, Abanca Innnova acolle outras moitas actividades englobadas en dous grandes bloques como o Programa de Intraemprendimiento e o Observatorio de Tecnoloxías Emerxentes.
Abanca Innova cumpriu o seu primeiro ano de vida e desde a súa posta en marcha foi escenario de 80 eventos que congregaron a 1.400 asistentes, mantivo contactos de diferentes tipos con 408 empresas, 272 delas start- ups, e acolleu a 8 compañías no seu viveiro de empresas, que presenta un grao de ocupación do 100% da súa capacidade.
Dentro da súa actividade tamén se inclúe o apoio financeiro a TokApp, start up tecnolóxica galega que desenvolveu unha plataforma de mensaxería directa con máis de 500.000 usuarios en 10 países.
O director xeral de Abanca fixo fincapé en que para a entidade “apoiar o talento galego é fundamental”.EFE DECLARACIÓNS DO CONSELLEIRO DELEGADO DE ABANCA, FRANCISCO BOTAS.