Accións de conciliación e de fomento da igualdade entre os concellos galegos

A Xunta aposta por promover accións de conciliación e de fomento da igualdade entre os concellos galegos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou Sanxenxo para coñecer de primeira man o funcionamento de dúas iniciativas en materia de igualdade nas que está a colaborar o Goberno galego: o Centro de Información á Muller (CIM) e a ludoteca itinerante, destinada a promover a conciliación. Na visita tamén participaron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín

 

A ludoteca e o CIM fináncianse ao abeiro da orde que a Secretaría Xeral de Igualdade habilita cada ano para promover a igualdade entre os concellos galegos e que inclúe tres liñas de acción: o mantemento dos Centros de Información á Muller, o apoio a medidas de conciliación e a loita contra a violencia de xénero.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Este ano a orde no seu conxunto consignou un total de 3,7 millóns de euros aos concellos galegos a través destas tres liñas. Ademais, dada a elevada demanda no ámbito da conciliación, ampliouse o orzamento deste programa -inicialmente 522.000 euros- en 273.000 euros máis.

Para a Xunta as políticas de conciliación e corresponsabilidade son unha prioridade. Por iso, ten aprobado teste ano o pioneiro ‘Plan de conciliación e corresponsabilidade’, o primeiro destas características nunha comunidade autónoma e que inclúe un cento de medidas concretas que se artellan ao redor de eixos como a concienciación, a coeducación, ou a visibilización.

Entre outras medidas concretas, propón a equiparación progresiva dos permisos de maternidade e paternidade na Administración autonómica; un permiso adicional de catro semanas máis en caso de parto; ou a consolidación da rede de escolas infantís e outras iniciativas en materia de conciliación.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Ademais da conciliación, a Administración autonómica valora tamén a colaboración coas entidades locais para loitar contra a violencia de xénero e para prestar apoio ás mulleres , moi fundamentalmente a aquelas en situación de especial vulnerabilidade, en calquera parte de Galicia. Neste ámbito, xogan un papel moi importante os CIM. O de Sanxenxo atendeu só no pasado ano a máis de 150 persoas, a maioría delas mulleres.