Galego sen fronteiras, máis galego nos medios de comuniación

Máis e mellor galego nos medios de comunicación

O idioma nos medios de comunicación foi un dos temas que se asomou, por partida dobre, ás palestras dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”. A XXXI edición destes encontros, que se clausurou o pasado 24 de xullo en Santiago, contou entre as persoas convidadas con dous xornalistas: María Obelleiro, directora do semanario Sermos Galiza, e Alberto Mancebo, correspondente en Portugal da CRTVG. Obelleiro salientou a “anormalidade” do sistema mediático galego que supón que non exista ningunha cabeceira en papel que se exprese en galego, unha situación única nos territorios estatais con lingua propia, e Alberto Mancebo, desde a perspectiva dos medios públicos, explicou a súa experiencia na CRTVG pero tamén como rapaz que medrou vendo o Xabarín Club. O reporteiro reivindicou ademais a importancia da figura dos lingüistas para garantiren a calidade do idioma nas redaccións.


María Obelleiro e Alberto Mancebo nas conferencias que impartiron nos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”. Fonte: RAG

O xornalismo na Rede abriu nos últimos anos novos espazos para a lingua galega, pero o papel segue a ser necesario para o propio xornalismo e para o prestixio e o futuro do idioma. Esta foi a mensaxe fundamental que deixou María Obelleiro na conferencia que ofreceu ao alumnado dos cursos “Galego sen fronteiras”, procedente de vinte e cinco países de catro continentes. “O dixital foi o soporte mediático que na última década máis abeiro lle deu ao galego. Estes diarios, digamos, alternativos, que son os dixitais e construídos ademais sobre a base popular, desenvolveron un rol fundamental para contribuír a normalizar a lingua, son os que a protexen. Pero fóra diso o que hai é practicamente un ermo”, advirte a xornalista, que recorda que neste ecosistema da información na Rede o pioneiro Vieiros “representou todo un punto de inflexión”.

Pero a plataforma dixital non o é todo, advertiu a directora do semanario en papel Sermos Galiza, que se complementa co diario dixital de igual nome. “O futuro pasará sobre todo polo xornalismo multiplataforma, o que combina distintos soportes, iso é cara ao que apuntan hoxe distintas investigacións das persoas expertas no tema, que acalan as voces que din que pasa pola dixitalización. E mentres siga habendo diarios en papel, eu creo que o galego ten que estar tamén aí”, reflexiona María Obelleiro, que chama a recuperar o camiño iniciado por cabeceiras históricas como O Tío Marcos d’A Portela, A Monteira ou A Nosa Terra.

A día de hoxe Galicia é o único territorio estatal con lingua propia que non conta cun diario en papel, un soporte que, malia o auxe do dixital, segue a ser o que goza de máis prestixio e credibilidade, e tamén o que garante máis a independencia dun medio, engade. “É un feito indubidable que o poder da palabra impresa segue a ser hoxe moito maior que o da dixital. Prodúcese ademais algo curioso: aínda que o que máis se difunde é o que está na Rede, o que garante a independencia dun medio, o financiamento, son as subscricións a través do papel”, explica.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Alberto Mancebo completou a ollada aos medios desde a perspectiva da lingua noutra conferencia na que narrou a súa experiencia primeiro como neno que medrou vendo o Xabarín Club -o programa infantil emitido nas tardes da TVG que foi todo un referente para cativos e adolescentes que medraron entre finais dos anos 80 e a década dos noventa- e desde comezos do novo século como reporteiro da CRTVG.

“A canción do Xabarín Club foi o himno dos galegos que nacemos a partir dos anos 80. Este programa fixo máis polo galego normativo entre os nenos que ningunha política lingüística”, subliñou Alberto Mancebo. Hoxe, a voz daquel cativo fascinado con este espazo é unha referencia do bo galego na radiotelevisión galega, un modelo que emprega Xosé Luís Regueira para o seu alumnado de Xornalismo, explicou na presentación do relatorio o propio académico, codirector dos cursos “Galego sen fronteiras” e profesor da USC. O xornalista aprendeuno de forma natural, como a lingua materna que lle transmitiron no seu Vimianzo natal, e tamén de xeito regrado no ensino. Pero cando a CRTVG naceu, en xullo de 1985, fíxoo contando con moitos xornalistas que estudaran a carreira fóra de Galicia e que non se formaran en galego. “De repente, tiñan que falar e escribir en galego, e aí foi fundamental o traballo dos lingüistas que desembarcaron na CRTVG para axudar os xornalistas e que se adecuaran á norma estándar”, contou.

Outro fito para os medios galegos foi a creación, en 1993, da titulación de Xornalismo na USC, que garantiu unha formación especializada en lingua galega para os profesionais do gremio. Pero, aínda así, o papel dos lingüistas nas redaccións segue a ser necesario. “Seguen convivindo na CRTVG cos xornalistas, pero cada vez son menos, fan falta máis na redacción. En vacacións ás veces déixannos sen eles e entramos en pánico, porque aínda non estamos formados suficientemente no galego normativo e estamos invadidos da presión do castelán. Eles son como os anxos da garda do galego normativo dentro da redacción”, valora o xornalista, especialmente preocupado pola crecente contaminación fonética do español na expresión oral en galego.

Alberto Mancebo referiuse tamén á diglosia á que se enfrontan os reporteiros da CRTVG cando saen á rúa a cubriren a actualidade e atopan persoas que se expresan perfectamente en galego pero que se pasan ao castelán no momento en que se acenden o micrófono e a cámara. Outros comentarios habituais que escoitan, os de galegofalantes plenamente competentes que pensan que non o son, denotan a confusión que existe sobre o que é a norma estándar. “Dóeme chegar a unha zona rural e que me digan que non saben falar o galego, o galego que falamos na TVG. Pero se é grazas a persoas coma estas que o galego está vivo!”, expresou.

Outro dos temas abordados na intervención de Alberto Mancebo foi a ausencia na gheada e o seseo nas locucións dos xornalistas dos medios públicos de Galicia. Sobre este punto, o profesor Xosé Luís Regueira aclarou que o galego estándar só se refire a aspectos ortográficos e morfolóxicos e que a normativa non só non prohibe o seseo e a gheada, senón que, pola contra, o alfabeto fai referencia a estes fenómenos.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Fonte: RAG

Deixa unha resposta