Galicia contará cun Plan 5G para captar solucións tecnolóxicas

Galicia contará cun Plan 5G para captar solucións tecnolóxicas en fase piloto baseadas neste método ultrarrápido de transmisión de datos

O plan ten un dobre obxectivo: converter Galicia nun dos primeiros territorios europeos en dispoñer desta tecnoloxía e conseguir que se instalen na nosa Comunidade os equipos de desenvolvemento de equipamento e software necesarios

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a posta en marcha do Plan Galicia 5G, que permitirá á nosa Comunidade captar solucións tecnolóxicas en fase piloto baseadas neste método ultrarrápido de transmisión de datos.

Esta medida, explicou o titular do Goberno galego, ten un dobre obxectivo. Por unha banda, converter a Galicia nun dos primeiros territorios europeos en dispoñer desta tecnoloxía e, pola outra, conseguir que se instalen na nosa Comunidade os equipos de desenvolvemento de equipamento e software necesarios.

Para iso, o Plan Galicia 5G márcase catro liñas de actuación con medidas concretas:

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

1. Elaborar unha ordenanza municipal tipo, promovida pola Xunta e a Fegamp. Deste xeito, definirase un catálogo de solucións técnicas válidas e porase en marcha unha Oficina de asesoramento 5G para os concellos.

2. Poñer en marcha o Nodo de cooperación rexional 5G, coordinado polo operador público Retegal.

3. Lanzar, entre este ano e o próximo, as primeiras probas de concepto baseadas nesta tecnoloxía.

4. Crear un Plan de formación especializada.

Tal e como salientou Feijóo, Galicia ten potencial suficiente para acoller desenvolvementos que faciliten despregar redes 5G nunha fase posterior. E é que a nosa Comunidade conta cun sector TIC potente con 21.000 profesionais e preto de 3.400 empresas; con universidades e centros de referencia; e con proxectos innovadores relacionados co 5G, como o Consorcio Aeronáutico de Galicia ou o corredoiro Vigo-Oporto.

“Galicia é a terceira Comunidade autónoma con máis cobertura para redes 4G”, subliñou o presidente, para logo engadir que conta cun operador público neutro, Retegal, que pode facilitar e racionalizar o despregamento da rede 5G.

En concreto, esta tecnoloxía indispensable na evolución de elementos innovadores permitirá impulsar a transformación dixital do rural, mellorar a atención ás persoas maiores ou con doenzas crónicas, prestar servizos médicos a distancia e ofrecer servizos turísticos máis especializados.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Durante a súa intervención, o titular do Goberno galego animou ás sete cidades galegas a implicarse no desenvolvemento desta normativa, dado que as empresas de telecomunicacións xa trasladaron o seu interese en impulsar proxectos 5G en Galicia.

Deixa unha resposta