Imaxe, novas tecnoloxías e colaboración, claves para a comercialización do viño dos pequenos adegueiros galegos

Ourense, 8 de xuño de 2010. A calidade e personalidade do viño, a importancia da imaxe corporativa e a necesidade de explorar vías alternativas para a comercialización foron as principais conclusións da xornada sobre a venta da produción das pequenas bodegas de viño galego, organizada pola Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Galicia no

Ourense, 8 de xuño de 2010.
A calidade e personalidade do viño, a importancia da imaxe corporativa e a necesidade de explorar vías alternativas para a comercialización foron as principais conclusións da xornada sobre a venta da produción das pequenas bodegas de viño galego, organizada pola Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Galicia no marco de Vinisterrae, o Salón do Viño e dos Licores Galegos de Calidade.
Participaron na xornada Lisardo Domínguez, secretario xeral de UPTA Galicia, Juan Carlos Suárez Penas, técnico de UPTA e especialista en Enoloxía e Viticultura, e José Pintos Pintos, secretario da Asociación de Bodegas Artesás das Rías Baixas.
Juan Carlos Suárez Penas explicou o proxecto Vinarte, realizado por UPTA Galicia con financiamento do Igape, mediante o que se asesorou a pequenas adegas en materia de imaxe corporativa. Creáronse ou reformáronse logotipos e realizáronse manuais para a súa aplicación correcta e eficiente. O proxecto será presentado no Encontro de Viño de Autor que se celebra en Meaño (Pontevedra) entre o 22 e o 25 de xullo.
“É importante que cada bodega explote na imaxe os puntos fortes como negocio”, explicou Juan Carlos Suárez, que subliñou a importancia de que os produtores máis pequenos optimicen recursos de comunicación mediante a colaboración entre eles. O técnico de UPTA Galicia animou aos bodegueiros a realizar accións de promoción conxunta. “Non podemos resignarnos a non facer comunicación soamente por ser pequenos, senón que temos que aproveitar as fortalezas do noso modelo de negocio para ter unha imaxe convincente”, sentenciou.
Sobre as canles para a comercialización, Juan Carlos Suárez indicou que é fundamental explotar as posibilidades das novas tecnoloxías para darse a coñecer, pero tamén para vender viños mediante comercio electrónico. Además, sinalou que cada bodegueiro debe ser consciente de “quen é e onde está, analizar as súas fortalezas e defectos e buscar cal é a orixe dos clientes aos que lle interesa chegar”.
Neste sentido, José Pintos explicou diferentes estratexias de comercialización que están a utilizar os bodegueiros artesáns. Como adegueiro e socio da asociación, explicou que algúns adegueiros venden toda a súa produción na adega, organizando visitas ou mediante acordos con axencias de viaxes, mentres que outros organizan catas en restaurantes e introducen os seus produtos directamente na hostelería.
José Pintos definiu o concepto de viño de autor: “Nós seguimos a nosa produción desde a planta ata a botella, non compramos outra materia prima nin utilizamos procesos industriais que nos substitúan como autores”.
Na quenda de preguntas, os asistentes preguntaron aos participantes sobre os furanchos ou loureiros, negocios que teñen causado polémica por non limitarse á súa finalidade: vender excedentes de viños propios. Sobre este tema, José Pintos indicou que, sen querer entrar na polémica, o esencial é que os furanchos non se convirtan en mesóns ou restaurantes. Na mesma liña, Juan Carlos Suárez enumerou os que, para el, son os verdadeiros problemas: “Non hai control sobre o viño e é competencia desleal, provoca desorganización do sector e problemas sanitarios”, sentenciou.
Lisardo Domínguez pechou a xornada animando aos pequenos bodegueiros a colaborar realizando proxectos conxuntos, buscando así novos nichos de mercado, sobre todo para “chegar aos clientes que aprecian a calidade dos viños galegos e as particularidades dos viños artesáns”. “Como autónomos, somos o eslabón máis débil da cadea do mercado, e iso soamente podemos contrarrestalo estando xuntos, colaborando e asociándonos para o beneficio de todos nós”, finalizou o secretario xeral de UPTA Galicia.

Autor

Xornal Galego
ADMINISTRATOR
PROFILE

Posts Carousel

Leave a Comment

You must be logged in to post a comment.

Autor