Movistar volverá subir as tarifas a partir do 18 de xaneiro de 2019

FACUA-Consumidores en Acción advirte de que Movistar volverá subir as tarifas de boa parte dos seus produtos de telecomunicacións fixas  .

O maior incremento afecta o establecemento de chamada dos paquetes Fusión 0, que aumentará o seu prezo até un 33,3%, pasando de 30 a 40 céntimos (a partir dos 200 minutos nas chamadas da liña principal e a partir do primeiro minuto da segunda liña). A asociación considera absolutamente desproporcionada esta subida, que encarecerá aínda máis un servizo que leva sufrindo unha escalada de prezos nos últimos anos.

FACUA critica as continuas subidas das que veñen sendo obxecto os clientes das grandes empresas de telecomunicacións, e advirte de que o dinamismo propio do sector das telecomunicacións, que cambia a gran velocidade, debe ser compatible coa seguridade xurídica na contratación e o equilibrio entre as partes que subscriben os contratos. A constante modificación das condicións de forma unilateral por parte das operadoras fai que o da telefonía sexa un mercado opaco, confuso, no que ao usuario resúltalle imposible comparar e elixir a mellor opción, pois as tarifas terminan sendo tan efémeras que se converten nun reclamo para captar clientes, valora a asociación.

O incremento de prezos que Movistar aplicará no principio do ano tamén afecta os paquetes Movistar Fibra Óptica, que non inclúen telefonía móbil, que se verán encarecidos en 3 euros máis ao mes. FACUA lembra que nun só ano a compañía aumentou os prezos deste produto até oito euros ao mes, despois de que subise dous euros o 5 de xaneiro de 2018 e tres euros máis o 16 de xullo pasado.

Ademais, Movistar tamén prevé subir os bonos e servizos auxiliares asociados ás liñas fixas de maneira xeral. Dos servizos auxiliares que aumentan o seu prezo o máis rechamante é o servizo de contestador automático, que duplicou o seu prezo nun só ano, un aumento completamente desmedido e inxustificado, valora a asociación. A subida será de 6,05 euros, pasando de custar 18,15 a 24,20 euros por chamada, cun tope máximo de 4,84 euros. FACUA lembra que a finais de 2017 este servizo custaba 12,1 euros, exactamente a metade do que custará en xaneiro de 2019.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

O Contrato Mínimo e o Contrato 9 tamén verán incrementado o seu prezo, en dous euros, pasando de 10 a 12 euros e de 20 a 22 euros, respectivamente.

As chamadas internacionais soben dous euros

Un ano e medio despois do fin do roaming, e a pesar de que os prezos non frearon a súa escalada, a compañía tamén sobe as tarifas das chamadas internacionais. Así, o Planazo Internacional, con 500 minutos en chamadas a 39 países, pasa de 12 a 14,40 euros ao mes.

O pack de servizos básicos sobe 50 céntimos e pasa a custar 3,50 euros. Este servizo inclúe contestador, identificación de chamada, chamada en espera, desvío inmediato e mantemento da rede. E tamén sobe 50 céntimos (e pasa a custar 5,50 euros) o pack Teléfono, Mantemento e Servizos, que ademais dos servizos básicos inclúe un teléfono inalámbrico.

O servizo de IP Fixa sobe cinco euros, pola súa banda, pasando de 25 a 30 euros ao mes.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Doutra banda, o servizo de desvío de chamadas sobe de 3 a 3,5 euros e o prezo dos bonos fixo-móbil tamén se ve modificado. Os bonos de 30 minutos custarán o 26 de xaneiro 9 euros, fronte aos 7,2 euros actuais, os de 60 minutos, 18 euros, fronte aos 14,4 actuais. Tamén o servizo de restrición de chamadas de fixo a móbil sobe de prezo, pasando a custar 50 céntimos máis que actualmente (3 euros).