Novas axudas destinadas a apoiar ás escolas de música municipais

Cultura incrementa nun 30% o orzamento das axudas destinadas a apoiar ás escolas de música municipais

A nova liña de axudas vai dirixida tanto ás entidades que dependen dos Concellos como das asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incrementa este ano en case un 30% o orzamento total das axudas dirixidas a escolas de música públicas e escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro, elevándoo ata case 390.000 euros. A convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.

O fin destas axudas é potenciar o funcionamento dos centros que imparten ensinanzas de música, sobre todo tendo en conta a súa crecente demanda. Ademais, tamén se busca apoiar aquelas iniciativas que implican fomentar, difundir e estender entre a sociedade xeral, e en especial entre o público xuvenil, a ensinanza musical desde unha formación non regrada.

As axudas van destinadas a subvencionar o funcionamento tanto das escolas de música dependentes dos Concellos como das asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro. No caso das primeiras, a Consellería destinará un total de 250.000 euros e a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá superar a cantidade de 20.000 euros. Pola súa banda, para as escolas de música dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro, a achega ascenderá a 137.443,23 euros, 15.000 de máximo por beneficiario.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Na valoración de solicitudes teranse en conta aspectos como o número de alumnado matriculado, de especialidades instrumentais impartidas, do profesorado e tempo de dedicación, así como as dimensións das instalacións, o volume do orzamento do centro e o importe total que o centro percibe do alumnado pola impartición das ensinanzas. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes.

Esta iniciativa enmárcase no apoio do departamento de Cultura da Xunta de Galicia ás bandas de música. Así mesmo, asinouse un convenio de colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) para a organización, por terceiro ano consecutivo, do Festival de Bandas de Música Infantís e Xuvenís. O Museo Centro Gaiás será o escenario do certame, que terá lugar o vindeiro 8 de xullo coa participación estimada dunha ducia de agrupacións que reunirán preto de 500 intérpretes. Con esta mesma Federación, asínase anualmente un convenio a través do que a Consellería apoia, entre outras actividades, a organización do Certame Galego de Bandas de Música Populares e do Concurso Galego de Composición.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Asemade, a Cidade da Cultura acolleu o pasado mes de marzo o primeiro concerto organizado en Galicia dunha banda integramente feminina, que reuniu a instrumentistas de diferentes agrupacións bandísticas galegas.