O concurso de traslados das enfermeiras no SERGAS ameaza a campaña da gripe

  • Este luns 15 de outubro fíxose pública a resolución definitiva dos traslados na categoría de Enfermeiro/a no Sergas.
  • Tal e como ven denunciando a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC), o SERGAS non ten ningún interese por ter en Atención Primaria aos Enfermeiros cos mellores méritos e capacitación cun concurso de traslados no que só valoran antigüidade, transformando este recurso asistencial nun refuxio de segunda actividade ao que retirarse antes da xubilación.
  • Os traslados dos enfermeiros e enfermeiras fanse efectivos no peor momento do ano, xusto antes da campaña da gripe, con profesionais que proceden de ámbito hospitalario e na súa maioría carecen de coñecementos e formación específicos no ámbito da Atención Primaria, necesarios para proporcionar unha boa asistencia a poboación.

 

Dende a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC) vémonos na obriga de denunciar publicamente, con fondo pesar, que nos procesos de traslados da categoría de Enfermeiro/a de coidados xerais, prevalezan os intereses sindicais sobre a calidade dos coidados que se prestan.

O recente acordo do concurso de traslados aberto e permanente, que se executará a partires do próximo luns, responden unha vez máis ao nulo valor que os directivos de recursos humanos lle outorgan a formación e a capacitación no ámbito familiar e comunitario. Denigrando cada vez máis a Atención Primaria, coa cultura do “todo vale”.

 

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Atrancos a campaña de vacinación antigripal

Para o conxunto da AGEFEC, resulta sorprendente que recursos humanos fixese oídos xordos as advertencias dos responsables dos servizos de Atención Primaria, posto que executar os traslados neste momento contribuiría a xerar un caos innecesario, e botar por terra toda a planificación previa para organizar a campaña de vacinación antigripal. Unha campaña, que tal e como definen as Direccións Xerais de Saúde Pública e Asistencia Sanitaria “é unha campaña de moi alto impacto no sistema asistencial, xa que implica a participación dun importante número de profesionais sanitarios que desenvolven o seu traballo en centros nos que se atenden as persoas pertencentes a grupos de risco, e de aí a enorme importancia da colaboración de todos os profesionais implicados nela.”

 

Atención Primaria non é un lugar de descanso

Nun momento no que tódolos profesionais teñen opción de mellorar a súa formación, mediante a especialización, mestrados, doutorados, actividade científica, etc. o Servizo Galego de Saúde continúa dando máxima prioridade a antigüidade, sen valorar sequera a formación ou a experiencia relacionada co ámbito asistencial no que se desenvolve a actividade. Parécenos lamentable e irresponsable, que o SERGAS ceda diante de determinadas presións sindicais en prexuízo de profesionais con praza en propiedade que teñen competencias, experiencia e formación en Atención Primaria e se discriminan premeditadamente en prexuízo destes e dos pacientes.

Con estes feitos RRHH manda a mensaxe de que a Atención Primaria para as enfermeiras e enfermeiros son postos de segunda actividade, nos que acomodarse antes da xubilación. Un feito que fai máis difícil por en valor o recurso asistencial máis próximo ao paciente e o recurso que máis contribúe a súa saúde.

Tódolos profesionais teñen opción de mellorar a súa formación. Parécenos lamentable e irresponsable que o SERGAS nin sequera a valore por desinterese e por presións sindicais.

Este tipo de actos, van directamente contra as políticas que defende publicamente o SERGAS, xa que contribúen a descapitalización do coñecemento acumulado durante anos pola profesión enfermeira e, polo tanto, poñendo en risco a calidade dos coidados que se prestan aos cidadáns desde o primeiro ámbito asistencial.

Nun momento como o actual, no que o SERGAS se atopa en proceso de desenvolvemento das estratexias de atención ás persoas con enfermidades crónicas, dificilmente se poderán manter algunhas liñas de traballo ou poñer en marcha novas iniciativas nun contexto no que unha porcentaxe importante do persoal non coñece en profundidade o seu ámbito de traballo. Polo que agora os esforzos terán que centrarse nun proceso de aprendizaxe por parte dos profesionais para a adquisición das competencias necesarias para exercer no ámbito familiar e comunitario cuns estándares mínimos de calidade. No mellor dos casos, as enfermeiras e enfermeiros que se incorporen aos centros de saúde nestes traslados tardarán varios anos en adquirir as competencias necesarias para o desempeño profesional en atención primaria cunha adecuada calidade asistencial, ademais, a organización sanitaria deixa este proceso á voluntariedade dos profesionais.

Debe prevalecer o interese dos pacientes sobre os sindicais, xa que a resposta á conciliación laboral debe resolverse no propio ámbito hospitalario. A Atención Primaria non é un caixón de xastre onde todo vale.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Dende a Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (AGEFEC), confiamos en que estes criterios se modifiquen, se pare a discriminación dos profesionais con competencias e coñecementos específicos na Atención Primaria e que prevaleza o interese dos pacientes sobre os sindicais, xa que a resposta á conciliación laboral debe ser dentro do propio ámbito hospitalario e non poñendo a Atención Primaria como o caixón de xastre no que todo e calquera vale.