O Fondo Galego colabora con InteRed para promover a educación sexual en Guatemala

O Fondo Galego colabora con InteRed para promover a educación sexual en Guatemala

O Fondo Galego colabora con InteRed para promover a educación sexual en Guatemala A asociación de concellos e deputacións cofinancia un proxecto que involucra a docentes, alumnado, familias e institucións do municipio de Chinautla. 12/07/2018|Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está a apoiar un proxecto da ONGD InteRed para promover

O Fondo Galego colabora con InteRed para promover a educación sexual en Guatemala

A asociación de concellos e deputacións cofinancia un proxecto que involucra a docentes, alumnado, familias e institucións do municipio de Chinautla.

12/07/2018|Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está a apoiar un proxecto da ONGD InteRed para promover unha educación integral en sexualidade en catro centros públicos do municipio guatemalteco de Chinautla. A asociación de concellos e deputacións destina 49.861 euros a esta iniciativa, que a Fundación Pablo Poveda se encarga de implementar sobre o terreo. A intervención involucra a profesorado, alumnado, familias e institucións locais na prevención da violencia contra as mulleres e no establecemento de relacións de xénero equitativas, para o que xa se están a impartir obradoiros cos colectivos.

A importancia da autoestima ou o cuestionamento dos roles de xénero son algúns dos temas traballados coas e cos docentes, que á súa vez os trasladan ao estudantado, co fin de contribuír ao empoderamento na defensa do seu dereito a unha vida libre de violencias. Ademais, estanse a realizar capacitacións específicas coas e cos estudantes que lideran as xuntas de dous institutos, que tamén se trasladarán á mocidade usuaria do centro de educación alternativa da Fundación. Haberá ademais obradoiros específicos para mozas, cinefórums ou programas para a prevención do acoso a través das novas tecnoloxías. Ao tempo, a rapazada organizará actividades de sensibilización nos centros e participará nunha marcha coincidindo co Día Internacional para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres.

En paralelo, búscase fortalecer as capacidades das entidades de Chinautla que traballan a prol da defensa das mulleres, a infancia e a mocidade, de xeito que se convocarán obradoiros sobre igualdade para as e os seus integrantes. Do mesmo xeito, estas organizacións darán a coñecer o seu labor, así coma os itinerarios de prevención e denuncia, nunha feira local, mentres que membros da Fundación Pablo Poveda recibirán formación en autocoidados. Doutra banda, xa está en marcha a Oficina Municipal da Mocidade  e creouse unha comisión que está a participar na elaboración das políticas municipais que afectan á xente nova.

Evitar agresións sexuais e ETS
O  taxa de escolaridade en Guatemala é moi baixa, xa que a rapazada só permanece de media seis anos no sistema educativo, e a situación aínda é máis grave no caso das nenas e as mozas, sobre todo debido aos embarazos prematuros, con preto de 70.000 casos anuais en menores. O abandono escolar vén ademais provocado pola pobreza, que ronda o 60% nun país onde aínda se detectan situacións de traballo infantil, e pola ausencia de educación bilingüe, mesmo en contextos de poboación maioritariamente indíxena. Os índices de violencia e extorsión, dentro dos centros ou camiño a eles, mesmo coa presenza de maras, é outro dos factores que inflúe. Ademais, Chinautla é un municipio periurbano, con máis de 120.000 habitantes, onde aqueles que migraron do campo á cidade viven en asentamentos precarios e cun nivel de desemprego elevado. No entanto, persoas e entidades do eido local están loitando polo dereito a unha educación segura co fin de evitar as agresións sexuais, as ETS e os embarazos de nenas e adolescentes, así como a violencia contra elas, nalgúns casos ata con resultado de morte. De aí a importancia dunha educación afectiva e sexual saudable, que desterre crenzas erradas, enfoques moralizantes e relixiosos, e patróns de carácter machista.

Autor

Xornal Galego
ADMINISTRATOR
PROFILE

Posts Carousel

Leave a Comment

You must be logged in to post a comment.

Autor