Sanidade convida á cidadanía a doar na recta final da campaña de doazón de sangue nos meses de verán

Sanidade convida á cidadanía a doar na recta final da campaña de doazón de sangue nos meses de verán

Santiago de Compostela,  O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, doaron sangue hoxe nos edificios administrativos da Xunta de Galicia en San Lázaro, acompañados pola directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García.

A Consellería de Sanidade anima á cidadanía a continuar amosando o seu carácter solidario para incrementar o numero de doazóns neste mes de setembro co gallo do peche da campaña “Verán 2018”, iniciativa que contou xa coa participación dunhas 20.000 persoas. Nestes momentos, as reservas de todos os grupos sanguíneos están en niveis normais, agás o A Negativo, que se atopa máis baixo, aínda que o chamamento é xeneralizado á participación de toda a cidadanía.
Revitalizar a participación
Resulta necesario revitalizar o chamamento á participación activa da poboación nas campañas de doazón, xa que este xesto solidario está a experimentar un estancamento nos últimos anos. Así, ADOS apela ao carácter xeneroso e solidario amosado polos galegos e galegas e os convida a participar, de xeito activo, nas numerosas campañas de doazón de sangue que, diariamente, promoven as unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue.

Aínda que a campaña de doazón “Verán 2018” non conclúe ata finais do presente mes, ADOS atópase en pleno proceso de preparación das visitas a centros educativos de ensino universitario e non universitario. Cómpre destacar a importancia das campañas de doazón no eido educativo, xa que supoñen para moitos mozos e mozas o seu primeiro contacto co solidario xesto da doazón.

Publicidade Xornal Galego:

Neste punto, salientar que o vindeiro 4 de outubro, ADOS sumarase ao “Reto 5000” da Red Española de Universidades Saludables (REUS), cunha iniciativa que quere promover a doazón de sangue en centros de ensino universitario de toda España. Esta iniciativa, que contará coa participación da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, tentará acadar a cifra de 5.000 doazóns no transcurso da xornada do xoves 4 de outubro, ao tempo que coincide coa II Edición do Reto da Froita, xa que todos os membros do colectivo universitario que doen sangue nesta xornada recibirán unha peza de froita, como xeito de fomentar hábitos de vida saudables.