Thiago Alcántara outro galego que ficha no Liverpool

O internacional  asinou un contrato de longa duración co campión europeo de 2019 e actual rei da Premier League

O Liverpool anunciou  a fichaxe do internacional español Thiago Alcántara, que deixou o Bayern Múnic tras lograr o triplete (Champions-Liga-Copa) nun traspaso de 20 millóns de libras (26 millóns de dólares), segundo os medios.

Thiago, de 29 anos, asinou un contrato de «longa duración», segundo o Liverpool, campión europeo en 2019 e actual rei da Premier League.

Publicidade Xornal Galego:

«Sinto algo incrible, estaba a esperar este momento durante moito tempo, estou moi contento de estar aquí», sinalou o xogador na web do club inglés.

Ao mediocentro, peza crave na Champions recentemente conquistada polo Bayern, quedaba un ano de contrato co xigante alemán, que tentara renovarlle, pero o xogador decidira desde facía varios meses cambiar de aires.

«Pecharei este capítulo neste marabilloso club no que crecín como xogador durante sete anos. Triunfos, alegrías, pero tamén momentos duros», sinalou Thiago nunha carta aos afeccionados do Bayern este venres 18-S, facendo referencia ás súas graves lesións.

Pero do que estou máis orgulloso é de chegar a Múnic como un home novo cheo de soños e agora irme cumprindo cun club, unha historia e unha cultura.

Engadiu o internacional español.

Necesito desafíos

«A miña decisión é puramente deportiva. Como xogador de fútbol necesito desafíos», resolveu o xogador formado no Barcelona, que aterrou no Bayern en 2013.

«Non é oficial ata que se anuncie e eu non son un anunciador, polo que non se que dicir. Parece bastante prometedor, as miñas mans están preparadas, todos os seareiros do Liverpool deberían estar pendentes dos medios do club ao longo do día, axudaríalles», chanceou o técnico dos Reds Jurgen Klopp este venres, na rolda de prensa previa ao partido do domingo 20-S contra o Chelsea.

Hansi Flick, o técnico do Bayern, felicitoulle. «?Kloppo? vai ter a un gran xogador e a unha gran persoa», dixo.

No seu periplo alemán Thiago gañou sete Bundesligas, catro Copas, un Mundial de Clubs e a Champions do pasado mes en Lisboa.

O fillo do antigo internacional brasileiro Mazinho, campión do mundo en 1994, levará o número 6 en Anfield e convértese na segunda fichaxe do Liverpool tras o lateral esquerdo grego Kostas Tsimikas.

«Creo que este club describe moi ben o que son. Quero cumprir todos os meus obxectivos, gañar tantos trofeos como sexa posible. Quero deixarme o corazón no campo, polos meus compañeiros, polo club e polos afeccionados», sinalou o xogador.