UPTA Galicia renova o seu compromiso cos autónomos lucenses inaugurando unha nova sede

 

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Lugo, 23 de xullo de 2010.
A Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Galicia presentou a súa nova sede en Lugo, situada no número 22 da Praza da Bretaña. Participaron na inauguración o alcalde de Lugo, José López Orozco; o subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe; a vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez; a xefa territorial de Presidencia da Xunta, Marta Barreiro Castro. Asistiron ademais José Manuel Barreiro, presidente provincial do PP; Jaime Castiñeira, alcaldable do PP en Lugo; Paz Abraira, do grupo municial do BNG; e os representantes de UGT e CCOO de Lugo, Manuel Chaín e Jesús Ángel Castro.
Coa inauguración do novo local, UPTA Galicia renova o seu compromiso na atención aos autónomos lucenses. Aínda que vén traballando na provincia desde hai anos a través dos locais cedidos por UGT, a organización ten o propósito de incrementar e seguir mellorando os seus servizos.
UPTA Galicia é unha das organizacións máis representativas dos traballadores autónomos, tanto a nivel galego como estatal. Durante os dez últimos anos, a asociación deu voz ante administracións, representantes políticos ou económicos, medios de comunicación e sociedade en xeral a un colectivo moitas veces esquecido.
En nome dos autónomos, UPTA España e UPTA Galicia reivindicaron a aprobación dun Estatuto do Traballo Autónomo, lograda no ano 2007. Pero ademais, loitaron pola concesión doutros dereitos fundamentais como a exección do Imposto de Actividades Económicas, a posibilidade de obter a incapacidade temporal desde o cuarto día para os traballadores autónomos, a posibilidade de contratación de familiares en segundo grao ou a recente aprobación dun sistema de protección por cese de actividade dos traballadores autónomos.
A este último logro, que se confirmou o pasado xoves coa aprobación no Congreso, se referiu con especial entusiasmo Lisardo Domínguez, secretario xeral de UPTA Galicia. “O feito de que non tiveramos dereito a unha prestación por cese de actividade era unha situación inxusta, así que a nova Lei vén saldar unha débeda histórica cos autónomos”, indica Lisardo Domínguez, que manifesta a intención de UPTA de non conformarse coas metas alcanzadas e seguir traballando pola equiparación dos autónomos aos traballadores por conta allea.
O secretario xeral de UPTA Galicia explicou durante o acto de inauguración a aposta da organización por unha atención especializada e de proximidade, de aí que a organización conte cunha ampla rede de oficinas propias e locais cedidos por UGT. “O traballo de campo e a proximidade ao autónomo é fundamental para coñecer a súa realidade. Non entendemos a defensa dos intereses dos autónomos sen estar realmente preto deles e coñecer con detalle as súas necesidades”, explica Lisardo.
Propostas de colaboración
Todas as autoridades asistentes ao acto agradeceron este esforzo de UPTA por estar preto dos autónomos lucenses. O alcalde, José López Orozco, ademais de brindar a colaboración do Concello e ofrecer as instalacións do Centro de Iniciativas Empresariais, fixo referencia á importancia de que o autónomo teña apoio ante a incertidume económica actual.
“Non hai mal que cen anos dure”, asegurou o alcalde, animando a todos os emprendedores e ás organizacións que representan aos autónomos a seguir traballando na defensa dos intereses do colectivo e en difundir toda a información necesaria para seguir sendo protagonistas “da actividade económica do país”.
Tamén o subdelegado do Goberno, José Vázquez Portomeñe, agradeceu a presenza de UPTA en Lugo e destacou o seu carácter “profesional, apolítico e aberto á sociedade”. “UPTA vén de vello”, dixo Portomeñe coñecedor do traballo que a organización está a facer en toda a Comunidade Autónoma “en colaboración con todos, especialmente cos concellos, e en beneficio da seguridade e do benestar dos traballadores autónomos”.
Pola súa banda, Lara Méndez,vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, ofreceu a cooperación da institución ao considerar que os autónomos son “a peza clave” para a economía na provincia. É por iso, segundo explicou Lara Méndez, que a Deputación ten en marcha numerosos programas para o fomento do autoemprego, a competitividade empresarial ou a promoción da sucesión nas empresas de carácter familiar.
En representación da Xunta de Galicia, Marta Barreiro Castro, xefa territorial de Presidencia, amosou o convencemento de que a nova sede de UPTA será un punto de encontro entre as administracións e os autónomos. “Desde a Xunta de Galicia, con convocatorias do IGAPE e doutras entidades, demostramos que aopiamos decididamente o traballo autónomo por seren protagonistas da economía galega”, indicou.
39.000 autónomos na provincia
A provincia de Lugo ten na actualidade preto de 39.000 traballadores no Réxime Especial de Autónomos. Este colectivo supón un 30% da poboación activa da provincia. Estes datos son dúas razóns máis que suficientes para o esforzo de UPTA Galicia por aumentar a súa presencia na provincia.
Dada a importancia do colectivo de autónomos na dinamización da economía galega, UPTA Galicia traballa no fomento do autoemprego e convida a todas as institucións a colaborar para recuperar estes postos de traballo perdidos e apoiar aos emprendedores galegos.

PUBLICIDADE EN XORNAL GALEGO

Deixa unha resposta