Valoracións positivas das xornadas sobre parentalidade

Valoracións positivas das xornadas sobre parentalidade

VALORACIÓNS DAS XORNADAS SOBRE COPARENTALIDADE DA EGAP (OBXECTIVAS E SUBXECTIVAS) DA XORNADA SOBRE A COPARENTALIADE COA ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA (EGAP)   Primeiro as felicitacións a Abel aínda que máis xente botara unha man. Ao meu xuízo un moi bo traballo e organización que non levou poucas horas e dedicación. O número de persoas

VALORACIÓNS DAS XORNADAS SOBRE COPARENTALIDADE DA EGAP

(OBXECTIVAS E SUBXECTIVAS)

DA XORNADA SOBRE A COPARENTALIADE

COA ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA (EGAP)

 

Primeiro as felicitacións a Abel aínda que máis xente botara unha man. Ao meu xuízo un moi bo traballo e organización que non levou poucas horas e dedicación.

O número de persoas asistentes superou con creces as 100 persoas entre as que destacaban;

—16% de homes e 84% de mulleres,

—33 persoas educadoras ou traballadoras sociais, 26 psicólogas, 6 avogadas, e unha mestura de mediadoras, xuristas, técnicos de igualdade e persoal de CIM,

—máis de 50 proveñen da administración local, 39 da autonómica, 14 de xustiza, …

 

O máis negativo: os medios de comunicación nin apareceron polo que unha vez máis hai que dicir que coma sempre van ao seu aire e obedecendo o que lles ditan.

En canto aos contidos das xornadas lembrar que foron unha readaptación da negativa da Xunta de debater sobre as competencias de Galicia neste asunto. Con todo e dende o meu punto de vista, considero un nivel alto o contido e interese do alí falado aínda que con excepcións.

Tanto o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia como o Fiscal Xefe non prepararon a súa participación na xornada nin destacaron por nada especial na súa disertación.

Non ocorreu o mesmo coa xuíza de Barcelona que demostrou que Cataluña xa é un país distinto: entrevístanse privadamente con pais e nais e danlles a entender o que hai incidindo na necesidade de que cheguen a acordos e se comprometan na coparentalidade. Consideran que a xustiza de familia debe funcionar como un instrumento para a pacificación familiar, procurando tutelar os dereitos de todas as persoas -nen@s e proxenitores afectad@s, ao tempo que recalcan a responsabilidade principal que teñen pais e nais en procurar poñerse de acordo para elaborar o plan de parentalidade. E teñen unha linguaxe que procura ser máis respectuosa con tod@s .Por exemplo “sistema de relacións” (no lugar de “custodia”), “pais e nais no tempo que lles corresponde estar cos seus fill@s” (no lugar de “visitas”), “corresponsabilidade parental” (en lugar de “custodia compartida”), “contribución ás necesidades dos fill@s” (en lugar de “pensións de alimentos”). Recomendan ter un calendario común das vida e actividades dos menores, e tamén unha conta corrente común onde se ingresen as achegas de cada proxenitor/a e onde se carguen todos os gastos, así como previsións acordadas para cada unha das novas etapas educativas. Pero non dubidan tampouco en impoñer sancións a aquel proxenitor ou avogado -sinalando que habitualmente os avogados separan, e que o mellor é que os temas en discordia se traten e resolvan a través da mediación- que impida ou faga un mal uso das súas atribucións. A coparentalidade é a moeda de uso en case a metade das separacións.

A xuíza ex de familia e agora xuíza de violencia contra a muller sobresaíu ao meu parecer, polo feito de destacar o papel de ambos proxenitores e non supoñer e sospeitar, como fan algunhas, da maldade de todos os homes.

José Luís Seoane, da Audiencia da Coruña resalta por ter preparado a súa intervención e por ser moi consciente da realidade sendo proclive á cc.

Tanto Martinón (pediatra), como Mª Jesús (psiquiatra) como Loli -para nós- profesora de psicoloxía, destacaron o factor de protección para o neno que supón que pais e nais continúen logo dunha separación, co coidado e atención dos fillos e fillas ademais de achegar moitísima información máis que interesante imposible de resumir aquí.

Coma sempre, Francisca Fariña moi traballadora deixou claro que os fiscais aquí e agora carecen da debida formación para procurar solucións máis beneficiosas, tanto para os nenos como para os pais e nais. Falou de xustiza terapéutica, un término que non existe na mentalidade dos fiscais galegos salvo excepcións. Expuxo que os divorcios e separacións son unha cuestión de saúde e tamén de dereitos humanos -cando producen maltrato aos fillos e tamén aos proxenitores-, e que os operadores xurídicos en materia de familia deben ter formación multidisciplinar, e estes temas deben ser atendidos por xuíces e fiscais especializados en familia. Indicou tamén -recalcando que non era ningunha “ocorrencia” dela-, que non abonda con falar soamente do interese do menor, e que xustiza de familia debe cuidar tamén o benestar dos proxenitores, porque para ser bos pais e boas nais teñen que estar ben tamén. Lembrou que aínda que os acordos nas separacións alcanzan ao redor do 70% estas separacións non son terapéuticas (a maioría aceptan que a nai sexa a que leve a garda e custodia en exclusiva).

E como últimos apuntes destacar dous aspectos: un, sinalado por Marta, do IMELGA de Pontevedra que falou de casos específicos de conflitos interesados. E dous, o apoio xeralizado á figura do COPAR, ou Coordinador Parental como nova figura a desempeñar un papel destacado nos casos máis conflitivos.

Remarcar que deixamos indicado que non foi posible ver en directo a xornada e agardamos con ter cando menos a posibilidade de recoller a súa gravación.

Por último hai que resaltal que en ningún momento da xornada houbo mención algunha nin tan sequera de xeito indirecto a que a coparentalidade non fora o máis axeitado para nenos e nenas tras unha separación.

Socialmente esta batalla está gañada. Política, xurídica e lexislativamente queda aínda camiño por percorrer.

Nota de prensa da: Asociación Galega de Pais e Nais Separados

Autor

Xornal Galego
ADMINISTRATOR
PROFILE

Posts Carousel

Leave a Comment

You must be logged in to post a comment.

Autor